venres. 04.07.2025
El tiempo

Malpica recibe o verán celebrando o día da bici e cun programa de visitas guiadas

Malpica recibe o verán celebrando o día da bici e cun programa de visitas guiadas

O vindeiro 20 de xullo o concello de Malpica celebra unha nova edición do Día da Bicicleta, unha actividade dirixida a todas as idades que combina deporte, lecer e participación veciñal. O percorrido cubrirá unha distancia de 14 quilómetros, cunha ruta que se iniciará no centro Sociocultural de Seaia e finalizará na praza Anselmo Villar Amigo.

A saída está programada para as 10.45 horas. As persoas interesadas poden realizar a preinscrición nas oficinas xerais do concello ata o venres 11 de xullo ás 14.00 horas.

Así mesmo, o mesmo día do evento permitirase a inscrición ata quince minutos antes do comezo da actividade. O uso do casco será obrigatorio para todas as persoas participantes. Unha vez rematado o percorrido, realizarase o sorteo dunha bicicleta entre todas as persoas inscritas.

Por outra parte, dentro das actividades de verán postas en marcha polo concello malpicán tamén están as visitas guiadas con Suso Martínez, historiador e actor. 

As rutas realizaranse durante os meses de xullo e agosto baixo o título “Historias lugrisianas, morfoloxías mariñeiras e lendas célticas” e propoñen un percorrido urbano con referencias á configuración da vila, ao seu pasado mariñeiro e á presenza da figura de Urbano Lugrís. En concreto serán os días 5 de xullo (19.00 h), 19 de xullo (19.00 h), 27 de xullo (19:00 h), 15 de agosto (12.00 h) e 17 de agosto (19.00 h). 

O punto de encontro será a Fonte Anselmo Villar Amigo. A participación é gratuíta. As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao 981 720 001 ou a través do correo electrónico turismo@malpicadebergantinos.es.

Comentarios