O Milladoiro das Pozacas albisca o ceo
Impresiona verdadeiramente. O milladoiro das Pozacas, ese que une á parroquia de Cerqueda, xa está no tramo final da súa construción. Unha construción puramente veciñal, na que ducias de veciñas teñen participado nas sesións voluntarias de cada mañá sabatina baixo a dirección do mestre canteiro Manuel Díaz Fernández, coñecido como Calviño de Folgueira.
Levan traballando dende novembro, e aínda queda a parte máis complexa. O milladoiro xa cas alcanza os 3 metros de altura que vai ter. Cunha singular forma de palleiro, aínda lle falta insertar a cruz, típico dos cabazos, no alto. Esperan este vindeiro sábado chegar ata ese punto, e a partir de aí xa poderán facer cábalas para o remate.
Unha vez rematado, quedará unha zona ben agradable para o disfrute dos veciños, e será o lugar por onde pase toda a vida social da parroquia. Xa o é, tendo en conta a axetreada vida asociativa (ultimamente algo axetreada de máis, tamén hai que dicilo) do Local Social das Pozacas, e co parque infantil homologado xa existente.
Pero o proxecto é máis grande. A UD Cerqueda, o club de fútbol, está acondicionando outro dos locais do lugar para que sexa a sé social, e tamén estará en marcha antes de que remate esta temporada. Ademais, segundo nos confirma o propio alcalde, en canto se remate o milladoiro, completarase a zona con máis terra e un céspede, e os veciños prantarán un pequeno souto de castiñeiros, con aniñadoiros para paseriformes, e peche con loureiro real (non con tullas foráneas).
Un lugar ideal para as churrascadas futboleiras ou para as foliadas musiqueiras.
3 metros de altura alcanzará o Milladoiro das PozacasNovas relacionadas
- Decembro 2016: Un milladoiro para unir unha parroquia.
- Novembro 2016: A veciñanza de Cerqueda apadriña un milladoiro nas Pozacas.
- Os milladoiros invaden o cemiterio dos Ingleses.
- Outubro 2016: 36 anos de tradición e canteira.
- Setembro 2016: Cerqueda Apadriña un Carballo para volver ás súas orixes.
- 2015: Cando o patrimonio se converte en festa e identidade.
- 2015: Fútbol e Patrimonio únense en Cerqueda.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).