O XII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas chega en homenaxe a Paco Souto


11 levaba leva Paco Souto sacando adiante este singular e único Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas antes de que o mar nolo levase consigo. E nesta XII edición, o Concello de Malpica e a Asociación Cultural Caldeirón queren manter o seu compromiso coa continuidade do premio, rendendo ademais unha fermosa homenaxe ao comprometido poeta e percebeiro bergantiñán.
Así o explicaron Paco de Tano e Eduardo Parga durante a presentación do certame, indicando que coincidindo coa Cea das Letras, no mes de novembro, celebrarase unha homenaxe a Paco Souto.
Unha das propostas que se barallaron foi o cambio de nome do propio certame, pero Paco de Tano explicou que finalmente desestimouse “porque a fin de contas foi el o que lle puxo o nome de Illas Sisargas”. Do papel fundamental que xogou Paco Souto na historia do certame falou tamén o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e nese sentido considera que é preciso lembrar a súa figura.
Prazo de inscrición
O prazo de inscrición estará aberto dende hoxe ata o 30 de setembro. Os interesados poden enviar as súas obras ao Concello de Malpica (Avda. Emilio González López, 1-15113 Malpica de Bergantiños), indicando no sobre “XII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas”. O fallo farase público coincidindo coa Cea das Letras, na primeira fin de semana de novembro, e na que tamén se fará a presentación pública da obra gañadora na pasada edición. O Concello de Malpica financia a edición da obra gañadora e o premio, dotado con 1.000 euros.
Relación de gañadores das edicións anteriores
• “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro • “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán • “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira • “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez • “Amantes”, María Lado • “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro • “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde • “Dominio público”, Ramón Neto • “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán • “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro • “O home invisíbel”, Xabier QueipoNovas relacionadas
- Marzo 2017: Falece Paco Souto mentras mariscaba en Razo:
- Miro Villar: Paco Souto. In Memoriam.
- 2016: Xavier Queipo, gañador do XI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.
- 2016: O Certame de Poesía Erótica de Malpica, unha colección única.
- 2015: 10 anos de poesía erótica nas Sisargas
- 2014: Malpica reforza o seu papel de capital da poesía erótica en Galicia cunha nova edición do certame Illas Sisargas.
- 2013: O Certame de poesía Illas Sisargas xa é de “Dominio Público”.
- Os poemas eróticos das Sisargas teñen nome bíblico.
- 2012: Os Amantes de María Lado.
- 2011: Os versos erotizan as Crebas das praias das Sisargas.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Malpica.