Obradoiros de manualidades e memoria para a veciñanza de Malpica
O Concello de Malpica, a través da Concellería de Servizos Sociais, vén de anunciar a posta en marcha de dous obradoiros dirixidos á veciñanza para o curso 2024/2025. Estas actividades, que contan coa colaboración da Deputación da Coruña, buscan promover o desenvolvemento creativo e cognitivo ao tempo que fomentan a convivencia e a dinamización social de Malpica.
O primeiro dos obradoiros, o Taller de Manualidades, arrancará o 1 de outubro e desenvolverase todos os martes e xoves. As sesións en Buño terán lugar de 15:45 a 17:45 horas na Casa do Oleiro, mentres que en Malpica celebraranse de 18:00 a 20:00 horas na Aula de Lecer do Centro Cívico. As inscricións para participar estarán abertas do 16 ao 30 de setembro e poderán formalizarse no Departamento de Servizos Sociais ou chamando ao teléfono 981 720 280. Para que a actividade poida desenvolverse, será preciso contar cun mínimo de oito asistentes por grupo.
Por outra banda, o Taller de Memoria dará comezo o 14 de outubro en Malpica, cunha sesión semanal os luns de 10:30 a 12:00 horas na Aula de Lecer do Centro Cívico. En Buño, o obradoiro iniciarase o 18 de outubro e terá lugar os venres no mesmo horario no CAT, o antigo Centro Comarcal.
Ao igual que no taller de manualidades, as inscricións poderán realizarse entre o 16 e o 30 de setembro no Departamento de Servizos Sociais ou a través do teléfono de contacto 981720280.
Ademais, o baile social tamén volverá á súa programación o próximo 6 de outubro, en horario habitual de 19:00 a 22:00 horas no Centro Cívico de Malpica.