Venres. 03.05.2024
El tiempo

OCO: "Cada vez máis empresas comunican ben e de maneira profesional"

Oco - Toxio en Nariga
Nuria e Sergio en Punta Nariga
OCO: "Cada vez máis empresas comunican ben e de maneira profesional"

Levan xerando contido para as súas redes durante anos. Nuria Espasandín e Sergio Casal invitáronnos a viaxar con eles a través da marca Toxío, cunhas redes sociais e uns vídeos de Youtube tremendamente coidados, como o vén de recoñecer o seu galardón nos Premios Youtubeiras.

E como contar é o que mellor se lles dá, agora queren utilizar ese talento e esa experiencia para que a aproveiten institucións e empresas da comarca.

Oco é a súa nova empresa de comunicación, de xeración de contidos. Fan foto, vídeo, redactan, controlan as redes sociais… todo o que precises en clave de comunicación saben como facelo. E fano ademais dende Malpica.

 
  • QPC: Por que é necesario para unha empresa ou para un Concello contar o que fai?

É tan necesario como para unha de nós contarlle á xente á que queremos o que facemos, o que nos apaixoa, a que aspiramos. A empresa traballa para as súas clientas, o Concello faino para a poboación. Que sentido ten ter a alguén no centro do teu proxecto cando nin sequera te comunicas con esa persoa? Para facerlle chegar a mensaxe a esa persoa é tan necesaria a comunicación.

 
  • QPC: E por que é necesario profesionalizar o servizo de comunicación? É o mesmo “contar o que fas” que “kontr o q fas”?

A segunda pregunta responde a primeira. Unha comunicadora profesional entende que ningunha das dúas opcións é errónea (lonxe do que moita xente poida pensar). Cando alguén decide “kontr o q fai” está dando unha mensaxe.

Obviamente, non é unha mensaxe que un Concello vaia dar, pero si ao mellor unha entidade organizando un encontro con estética dos dousmiles, enchéndonos de nostalxia recordando os momentos nos que nos cobraban cada letra nun sms.

Comunicamos con cada detalle, por iso é tan importante profesionalizar o servizo de comunicación. Para poñer en sintonía a nosa mensaxe coa nosa maneira de lanzala ao mundo.

 
  • QPC: EMPRESAS: Se ben hai bares, pubs… que si que anuncian, con pouca profesionalidade, os seus eventos a través das redes sociais, poucas empresas hai na zona que comuniquen os seus fitos, os seus avances, os seus premios… Por que hai tan pouca preocupación pola comunicación na comarca?

Cremos que cada vez hai máis empresas facéndoo moi ben e de maneira moi profesional. Se ben é certo que aínda non falamos dunha maioría, pero si dun número en aumento (se non notásemos iso, non nos teríamos aventurado neste negocio haha).

Porén, o boca a boca e os bos contactos seguen sendo os reis á hora de que un negocio funcione. E a xente na comarca sábeo. E por iso aínda non teñen tanto coidado coa súa comunicación. Pero cremos que é cuestión de tempo.



 
  • QPC: Como credes, entón, e por exemplo, que se podería promocionar nas redes un bo restaurante da comarca? E unha gran empresa do sector da construción?

A chave está en poñer en valor o seu produto, pero véndoo moito máis alá do que a priori puidese parecer o seu produto. No restaurante, por exemplo, nós traballaríamos por destacar o bo trato que a clienta recibe, a boa localización ou estética elixida e diferenciadora do local... E a historia. Encántannos as historias e emocionarnos con elas. E todo ten algo que contar. Só hai que buscalo!

E en canto á empresa de construción, máis do mesmo. Poden parecer mundos completamente diferentes (que o son) pero teñen máis en común do que parece. Nós poñeriamos o foco no capital humano que unha empresa así ten detrás. Podemos ver grandes máquinas e grandes obras creadas pero, quen fai que iso sexa posible? Como funciona algo así? Moitas persoas, cada unha coa súa historia, son as que fan que algo así de grande como unha estrada ou unha nave sexa posible.

E as redes sociais, as páxinas webs e a comunicación ben captada axuda a poñer todo iso en valor. Contar con persoas que o saiban ver é imprescindible! Non deixamos de sorprendernos coa cantidade de xente que hai por aí adiante con vidas súper interesantes pensando que non teñen nada que contar!

E o noso consello para esas dúas empresas sobre as que preguntas (o restaurante e a empresa de construción, pero calquera a verdade) é facer un vídeo que recolla todo iso que comentamos nun minuto. Que funcione como unha sorte de spot publicitario da empresa! Un pequeno vídeo que poña en valor e resuma todo. Por exemplo, este é o noso.

 
  • QPC: Outro exemplo, as Comisións de Festas. Poderían perfectamente copiar aos festivais de música da comarca e contratan un servizo para promocionar a súa festa en medios e redes e ademais preparar un contido audiovisual para promocionar a cita do ano que vén. Non credes?

100%. A Mostra do Encaixe ou o Asalto ao Castelo demostran cada ano que a comunicación é importante. E iso tradúcese no éxito do evento tamén. E non só iso, fai que todas as súas veciñas se sintan orgullosas da súa terra e se emocionen ao velas nas imaxes. Incluso as que non son veciñas, porque é xenial ver un cachiño do que sintes teu así presentado. Xa sexa na festa da vila, nunha máis grande ou coa toma dun drone sobrevoando calquera praia da nosa costa.

Así que si, estas dúas festas poderían servir como exemplo claro para saber que investir en comunicación funciona e, obviamente, todas as festas poderían facelo (adaptándoo ao seu orzamento) e subir o seu evento ao seguinte nivel.

 
  • QPC: Tema Concellos: Eu fágovos un repaso sobre a comunicación dos Concellos e vós me dades a vosa opinión. Nos 19 Concellos da zona hai 3 formatos de comunicación institucional:
    - 7 concellos teñen contratada unha axencia da área coruñesa para enviar unha media de 1-2 notas de prensa semanais, publicando sobre todo melloras viarias ou actividades socio-culturais.
    - 2 concellos teñen persoas contratadas específicas para a comunicación.
    - 3 Concellos teñen subcontratados profesionais locais para facer o traballo.
    - 7 Concellos envían notas de prensa só das áreas nas que existe un técnico municipal comprometido co seu traballo.
    Como valorades?

Entendendemos que non todos teñen os mesmos recursos e hai que dicir que iso se nota no resultado. A maioría, só coidan unha vía de comunicación e, moitas veces, nin sequera cunha calidade mínima. A nosa valoración é que vemos un pequeno interese por parte de moitos Concellos (especialmente cando se toca o tema do turismo), pero non o suficiente polo de agora.

Porén si que nos dá moita pena que realmente saian os traballos adiante só cando existe unha técnica municipal que está comprometida co seu traballo, que é o que sentimos que normalmente pasa. A día de hoxe, cremos que non sería tan complexo (nin caro, coñecendo os orzamentos dos Concellos da volta) contar con, polo menos, unha persoa que se encargase con agarimo da comunicación, facéndoa chegar aos seus cidadáns, que son o importante.



 
Oco en Ardeleiro
Nos Muíños de Ardeleiro
  • QPC: Que é o que máis vos gustar, por certo: rollo community manager, facer fotos, vídeos ou redactar textos máis completos? Como vos repartides o choio?

Por separado, Sergio facer fotos e Nuria redactar contido. Así está repartido.

En conxunto, a produción de vídeos. A produción e gravación recae en ambas e imos traballando en equipo e organizándonos segundo consideremos a cada paso. A edición recae normalmente sobre Sergio.

E o “rollo community manager” é, probablemente, a parte que menos nos apaixoa, pero sabemos que é algo no que se perde moito tempo e que a xente agradecerá que nos fagamos cargo.



 
  • QPC: Como sobrevive unha parella vegana en Bergantiños?

Ambas somos veganas desde fai anos e parécenos moito máis sinxelo do que a priori poida soar. Tamén é certo que non somos moi bromistas nin nos deixamos vacilar co tema (e a xente que nos coñece sábeo) e iso faino máis fácil.

En xeral, cociñamos moito na casa e adoitamos ir prioritariamente aos establecementos hosteleiros que teñen especificamente unha parte da carta “vegana”, que algún hai. Por exemplo, o Ybarra en Malpica ou O Logradouro en Carballo. E é gracioso como ternos a nós en conta lle funciona como un bo marketing, porque cando ven comer a nosa familia ou temos algo que organizar, intentamos ir a calquera deles. Desta maneira, por ter opción vegana, acábanse sentando varias persoas máis á mesa.

De todos modos, normalmente tampouco temos problema en calquera outro establecemento. Cando dicimos que somos veganas, a resposta sempre é amigable e sempre intentan cociñarnos algo completo e rico. Se non, as patacas e a ensalada nunca fallan. E nós xa imos preparadas para iso. Calquera cousa a maiores, é un regalo para nós haha.

 
  • QPC: E bueno, ademais do choio, seguiredes viaxando e coidando as redes de Toxío, non?

Si. A nosa idea é que, na medida na que OCO vai arrancando, TOXÍO tamén vaia profesionalizándose; poder compenetrar ambos e que se retroalimenten entre si. Polo de pronto, non temos nada de queixa e facturamos máis ou menos o mesmo cos dous proxectos ao longo dos últimos meses.

 
  • QPC: Xa para rematar, aproveitando: 3 viaxes, cercanas, fáciles, que recomendades?

Termas de Bande: son o gran paraíso galego do interior e non podemos facer máis que adoralas. Preto atópase Aceredo, que ten unha historia curiosa e tamén a fronteira con Portugal, cunhas camiñatas preciosas. Relax e aventuras na medida na que unha queira.

Descenso do Sella: perfecto para unha escapada de fin de semana a Asturias. Faciliño e divertido. Toda unha aventura con oportunidade de desfrutalo nun entorno xenial.

Cabo Ortegal: pasando os acantilados de San Andrés de Teixido, parece que cruzamos a un recuncho dunha Galicia moi diferente. Non sei se foi por ter sido unha das primeiras paradas da nosa primeira viaxe xuntas, pero cremos que a zona norte ten moito que ofrecer e témoslle moito cariño.

 
  • QPC: 3 recunchos da Costa.

Punta Nariga, Praia de Traba e Praia de Trece.

 
  • QPC: 3 viaxes diferentes, máis esixentes, que deberíamos facer unha vez na vida.

Petra. Pero Petra de esquina a esquina durante, mínimo, dous días. Non só unha visita ao Tesouro. Cando te deixas atrapar por cada unha das súas rutas chegas a ter a sensación de estar soa por alí, case como “de aventuras por Oriente Medio” cando en realidade segues nun recinto turístico.

Durmir nun deserto baixo as estrelas, sen ningún tipo de teito. Nós fixémolo no deserto do Tar, na fronteira entre India e Pakistán, pero estamos convencidas de que calquera valería. Moitas mantas e o ceo máis estrelado que poidas imaxinar. Aí daba gusto esperar no medio da noite e mirar o teito! A absoluta inmensidade!

A última é para viaxeiras moooi curtidas e sería coller un tren en general class na India. É duro fisicamente falando, especialmente se fas moitos quilómetros (nós fixemos 3.000). Custounos menos de 30 € entre as dúas e é probablemente o sitio no que máis aprendemos no noso mes e medio na India. A vida e o funcionamento do país, en gran medida, está neses vagóns e nesas estacións.

Comentarios