Venres. 29.03.2024
El tiempo

Por outros 25 anos coidando Protección Civil

IVAN Muino 25 anos en Proteccion Civil de Malpica
Iván Muíño leva 25 anos en Proteccion Civil de Malpica
Por outros 25 anos coidando Protección Civil

Aí é nada. 25 anos dedicados á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica. De aí que a Asociación Nacional de Agrupaciones e Asociaciones de Voluntarios de Protección Civil de España (ANAV Protección Civil España). queira recoñecer a labor deste malpicán, como fan con dous ceenses, a súa antigüidade e constancia.

Farao entregando Medalla de mérito e recoñecemento á antigüidade e constancia, na súa categoría de ouro. O acto oficial celebrarase o vindeiro 26 de outubro na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, na Estrada, a partir das 12 horas. 

José Iván Muíño Facal é voluntario de Protección Civil dende o 3 de marzo de 1994. Durante 15 anos desenvolveu a súa actividade na agrupación de Carballo, onde participou en operacións de rescate de persoas atrapadas en vehículos, extinción de incendios forestais e urbanos, busca da persoas desaparecidas por terra e auga, operativos preventivos, e vixilancia e salvamento de persoas na praia. Ademais, durante ese período foi xefe de sección, vogal da xunta directiva da agrupación, encargouse da formación básica de voluntariado en escalada e mergullo, e, entre outras moitas tarefas, colaborou en distintas accións durante a catástrofe do “Prestige”.

Dende o ano 2009 dirixe e preside a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica, que nestes momentos, e grazas ao traballo desenvolvido ao longo destes dez anos, é unha das mellor equipadas da Costa da Morte. O equipo que dirixe José Iván Muíño Facal, integrado por máis de 20 voluntarios e voluntarias, xestiona  a base e o novo almacén situados en Cerqueda e un equipamento formado por 2 vehículos todoterreo, 1 carro preparado para incendios cunha bomba de alta presión de 400 litros, 1 carro de emerxencias con bombas de achique e xeradores, 1 carro de salvamento, 2 lanchas de salvamento, entre outro moito material que permite á agrupación actuar en todo tipo de emerxencias.

Comentarios