36 anos de tradición e canteira
36 anos de tradición non pasan de balde. Mesmo para aqueles que nin naceran cando se constituía alá polo 1980 a Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda. Eses que collen o relevo dunha directiva que leva moitos anos tirando o carro, e coidando que o patrimonio e o saber tradicional desta parroquia malpicá non quede no esquecemento.
O pasado sábado celebrouse unha importante asemblea da asociación. A directiva, que xa levaba 14 anos á fronte, decidía dar un paso atrás. E había moitas dúbidas sobre a renovación. Pero o traballo de canteira, semellante ao que fan pola aldea gala do Couto ou a xente de Adro de Baio, ten os seus froitos, e o relevo está dado.
Un grupo de mozos veñen de dar ese paso á fronte que se facía necesario. Un grupo de rapaces novos da parroquia, toman o mando. Todos os membros da nova directiva teñen relación directa co #MundoRaigañas. Tod@s rondan os 18 anos. O presidente é Xacobe Nieto, o único home da directiva; a vicepresidenta será Ángela Varela; Andrea será a Secretaria; Rita a Tesoureira e María, Lucía e Ana as vocais.
“Tomamos o relevo porque estivemos toda a vida na Raigañas, algunhas directamente e outras por parte dos nosos pais, e ao enteirarnos de que a anterior directtiva estaba pensando en deixalo, o lóxico era que o colléramos nós en vez de vir xente de fóra”, explica Xacobe, fillo dun home que leva toda a vida bailando na Raigañas, do que tomou tamén o gusto e tamén baila dende hai 3 anos.
Chegan “con moitas ilusións e moitas ideas”, como nos conta Xacobe, e “non lle temos medio ao aparato burocrático, se cadra respecto, pero aí seguro que temos a axuda dos membros da ex directiva, polo menos durante o primeiro ano”.
A idea segue a ser a de poñer en valor os nosos saberes tradicionais. “En principio imos seguir a mesma liña que a anterior directiva, coidando as mesmas tradicións, como a Foliada, ou os Madamitos do Entroido. E co paso do tempo intentaremos introducir algo máis para que non se vaia perdendo o noso patrimonio”, explica seguro o presidente.
Longa vida á Raigañas.
Novas relacionadas
- 2015: A Parroquia de Cerqueda celebrou 35 anos de fusión cultural tradicional.
- 2015: Cando o patrimonio se converte en festa e identidade.
- 2015: A Foliada enche Cerqueda de música e baile.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).