Luns. 29.04.2024
El tiempo

O sorriso campal de Manu Ferreiro non o apaga nin o cancro

Manu Ferreiro cazado no campo de fútbol por Ferreiro
Manu Ferreiro, cazado no campo de fútbol, polo seu tocaio José Manuel Ferreiro
O sorriso campal de Manu Ferreiro non o apaga nin o cancro

”Estou tranquilote. Estou ben, teño o apoio da miña xente, que é o máis importante. Creo que xa o asimilei e agora toca loitar, non queda outra, non me vou tumbar no sofá e lamentarme. Eu non son así”.

Así nos recibe Manuel Ferreiro tras coñecer, hai apenas 10 días, que ten cancro. Aos seus seus 53 anos, está dixerindo a nova, pero ten claro que non vai entregarse máis que aos médicos. O seu sorriso “campal” seguirá iluminando as rúas da súa queda Malpica: “Eu creo que desta non vou aínda”.

A semana pasada decidiu publicalo nas redes sociais, facendo unha demostración de afouteza e intentando lanzar unha mensaxe o máis positiva posible. “Decidín publicalo nas redes sociais. É certo que tiña dúbidas, pero a xente me preguntaba pola rúa e preferín facelo publica. Sei que a xente me preguntaba de boa fe, pero preferín facelo así para non ter que andar dando explicacións… Dar o mesmo discurso mil veces é cansado. Teño gañas de vivir e de tirar padiante, pero para chegar ao super levábame media hora”, bromea, ao tempo de valora “o cariño da xente, iso é unha pasada”.

”Normal, es unha persoa que te gañas o cariño da xente”, comentámoslle nós. “A verdade é que non son unha persoa reencorosa, teño un carácter moi positivo por natureza, creo que teño unha simpatía que nacín con ela. Si, síntome comodo como son e creo que a xente te apreza máis. Son boa xente, oh”, razóase con máis razón ca un santo.

Tivo que deixar de ir traballar ao mar, pero intentando facer vida normal, segue dándolle a cabeza para traer un bombazo ao Balea Fest do ano que vén, segue paseando moito, e vai a ver aos seus compañeiros do San Lorenzo de Veteranos, onde leva 5 temporadas como un dos mellores porteiros da categoría na Costa.

Amable coma sempre, á espera de comezar a quimioterapia para a semana que vén, acepta a nosa invitación a esta conversa porque “todo o que sea darlle voz a loita contra o cáncer pareceme estupendo”.

Manue Ferreiro pasenado pola comarca
Manue Ferreiro de paseo
  • Como se afronta unha nova así?

Pois os primeiros dous días, estiven traladado como dicimos aquí en Malpica. É o típico, dincho outra xente e que xa che impresiona, pero cando che toca… amigo…
Estou ben, tranquilote, pero un pouco acojonado tamén estou, porque non son de ferro. Parece que está bastante extendido polo fígado, e dache medo, pero teño confianza nos médicos e nos tratamenos, estou entregado a eles.

Eu teño un bo físico, traballador, non fumo, non bebo, iso tamén ten que contar. Afrontalo co optimismo que é primordial.

  • Como te enteraches? Protocolos de prevención, casualidade?

Fai 5 meses, o médico fíxome unha analítica case rutinaria, por uns datos que daban raros no fígado. O médico pensou que era falta de vitaminas, e me deu unhas vitaminas que estiven tomando durante 4 meses. Pero a cousa ía peor. Estaba xa con febres, tiven que pedir a baixa do mar, tiña moito agotamento, non comía nin a metade do que comía normalmente… detalles que te ías dando conta de que pasaba algo. E aí me fixeron un TAC e estaba xa bastante esta estendido. A boa nova é que non teño metástase, e o fígado segue fucionando. E agárrome a iso.
É certo que se me fixera o TAC fai 5 meses, se cadra era cortar un pouco de fígado e xa. Pero bueno, hai que asumilo así.

 
  • Que tal a familia?

A miña filla, que ten xa 34 anos (teño dous 3 netos que aínda non saben nada) sempre me di que non o esperaba. “A ti?? co forte que es, nunca bebeches unha gota de alcol??”. Teño o seu apoio e é o máis importante, pero ela tamén ten bastante polo seu lado así que tampouco quero agobiala.

 
  • Como reaccionou o resto das túas amizades, os compañeiros do fútbol, os amigos da música?

Recibín moitas mensaxes, claro. Mesmo me chamou tamén un colega do fútbol e contoume o caso do seu pai, que pasou un cancro de pulmón e segue aí. Son boas conversas.

 
  • Que previsións che marcan os médicos?

Estes días diranme un pouco máis. Primeiro hai que ver como reacciono á primeira sesión de quimioterapia, pero xa me dixeron que vai para varios meses. Quimioterapia, quimioterapia, e quimioterapia, xa me avisaron os médicos.

 
  • Como ves o tema de apoios? Hai axudas suficientes das administracións?

Pois como hai apenas 10 días que me enterei, o único contacto que teño é co Sergas, que é o principal.
Contactar coa Asociación Española contra ao Cancro xa veremos co tempo. Toda entidade como esta eu estarei encantado de axudar no que queira.
Ademais, isto cámbiache a percepción de moitas cousas. Hai moitas asociacións, e todas teñen moito mérito pero estas que loitan contra enfermidades fortes teñen máis valor aínda
.

 

Coñecendo a Manuel

Manu Ferreiro co Balea Fest
Manu Ferreiro á esquerda na presentación do Balea Fest do ano pasado

Mariñeiro dende os 16 anos, tamén traballou algo en hostalería. Pasou unhas temporadas vitais por Canarias e Cádiz, pero leva a súa vida enteira na súa Malpica natal.

Rockeiro incansable, é artellador de eventos como o BaleaFest a través do equipazo da AC Campal. Non para de darlle a cabeza arredor da súa máxima paixón, e está a preparando unha bomba para o festival do ano que vén. “O R&R non vai morrer en Malpica”. Cóntanos como se meteu no lío da organización. “Un día vendo en Ferrol un grupo rock sureño, pensei como molaba traelos a Malpica. Así que falei cun colega que levaba o Leño, e montamos unha ben bonita. Pouco a pouco fixemos unha asociación, e agora estamos subindo cada ano, co concello e a Deputación atrás”.
“Non veñen os Rolling porque non queremos”, bromea. “A idea é traer grupos bos, que non sexan moi caros. Non queremos chegar a onde chegou a Tralla co Nordestazo, unha porque non temos escenario, que no porto non nos deixan, e outra polo formato”.
Valora o Xiria Pop, aínda que el é un pouco máis heavy. “Estamos invadidos polo reaggeton, pero todo o que sexa rock/pop, para min ten todos os respectos”.

Tamén é un figura protagonista do Fútbol da Costa. Porteiro dos Veteranos do San Lorenzo dende hai 5 anos, é un faro para o equipo campión dos últimos dous títulos ligueiros. Co 15 anos xa xogaba no Malpica sénior e chegou mesmo a formar parte do primeiro equipo do Bergantiños no 1989. Tamén xogou no Corralejo, en Canarias, a gran nivel.

Nos Veteranos, antes do San Lorenzo, co que ademais formou parte da Selección da Costa de Veteranos que quedou 3º de Galicia, tamén xogou no Leiloio e no Cerqueda. Pero cóntanos unha historia singular de fóra de Galicia.
”En Veteranos empecei nos Veteranos do Cádiz, compartín vestiario con vellas glorias como Arteaga, Diego Tristán, xa con barriga... e Antoñito Calderón, co que fixen unha boa amizade. E tamén coincidín con David Vidal… se nos vedes por Cádiz falando, un en galego de Malpica e outro de Portosín, mimadriña… Ademais eu sabía que tiña moi boa relación co meu pai, que xogara con el no Ponteceso. Así que un día vino pola rúa, saudeino, díxenlle que xogara co meu pai no Ponteceso, e o tipo quedou mirando para min e me dixo “Ti es o fillo de Chiño, fillodeputa! Recoñeceume perfectamente no meu pai”.

 
  • E para rematar cunha boa mensaxe, que seguro que ti a tes moi boa: que lle dis a esa xente que está a vivir unha cousa semellante?

Á xente que está na miña situación, empezando a loita, sorriso na boca, forza no corazón e ánimo. Alimentarse ben, porque para afrontar a quimioterapia é ter media batalla gañada. Pero sobre todo optimismo, a outra media batalla gañada. A min, mentalmente estame funcionando. Por natureza son así de carácter, pero estame servindo.
Para chorar e sentirse desauciado teremos tempo cando nos toque dentro da caseta alí na cova, no cemiterio. Así que é momento de vivir o día ao 100%, e poñerse en optimismo
.

 

Comentarios