Valentín González Formoso fixo campaña en Malpica e Cee

O PSdG fixo parada doble esta fin de semana na Costa da Morte. Se en Malpica centrou o tiro no mundo do mar, en Cee os argumentos principais foron arredor do ensino e a sanidade.
En Malpica sobre o mar
Na tarde sabatina o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, defendeu en Malpica que non hai máis opción que a do candidato socialista “para rematar con 15 anos de inacción do PP aos mandos da Xunta” e abrir un novo período. Quixo berrar que “o voto a Besteiro é a única vía para gobernar o cambio en Galicia”.
Formoso estivo acompañado pola cabeza de lista do PSdeG pola provincia da Coruña, Patricia Iglesias; o número 2, Julio Abalde, e o voceiro socialista no Concello, Walter Pardo.
A sesión serviu para lembrar as necesidades de Malpica en canto ao desenvolvemento de novas infraestruturas. “É fundamental dotar o porto dun novo dique de abrigo para facilitar as descargas da flota de altura e hai que desenvolver chan industrial para a instalación de empresas de transformación da produción pesqueira, e que así Malpica aproveite todo o seu potencial no sector”, asegurou.
En Cee sobre recortes en sanidade e ensino
Así mesmo, González Formoso acodía despois á Casa da Cultura de Cee, para falar en clave de sanidade e ensino públicos. “Cando pechas un colexio ou un centro de saúde, estás matando unha vila do rural, e o PP pechou 138 colexios”, criticou o presidente da Deputación.
Acompañou nesta cita o ministro de Xustiza Félix Bolaños, que lembrou en Cee que en cinco anos de goberno de Pedro Sánchez o Estado investiu en Galicia un 30 % máis que o de Rajoy durante os cinco anteriores.
Ademais, a carballesa e nº1 pola provincia, Patricia Iglesias asegurou que Besteiro “é o único candidato con solvencia para ser o vindeiro presidente da Xunta”.