Valorados en 140.758€ os danos provocados pola rotura da balsa do monte Neme
Os danos causados pola rotura da balsa do monte Neme, hai un mes, están cuantificados en 140.758 euros, segundo o informe técnico presentado hoxe pola mañá polos concellos afectados, Malpica e Carballo, nunha reunión con representantes da Consellería de Industria.
Un 73% en Malpica
O 73 % da cuantía total corresponde ao municipio de Malpica de Bergantiños, no que o aluvión provocou os maiores desperfectos. As valoracións presentadas polos concellos inclúen un minucioso informe técnico tanto do estado dos bens públicos coma dos privados. De feito, as dúas Administracións locais exercerán como intermediarias, e os veciños non terán que presentar as súas reclamacións de maneira individual.
No territorio malpicán, a rotura da balsa afectou fundamentalmente a explotacións forestais e á rede viaria; en tanto que no municipio carballés os danos máis graves producíronse nun prado. As infraestruturas públicas xa foron reparadas polos concellos, e na reunión de hoxe tamén se dou vía libre para que os veciños afectados poidan empezar a traballar as súas terras e montes.
Á cantidade total haberá que sumarlle, ademais, os honorarios dos técnicos que elaboraron o informe e os desperfectos no monte en man común, que xestiona a Consellería de Medio Rural. Unha vez recabados todos os datos completarase o informe pericial que será enviado á compañía de seguros. O director xeral expresou o seu desexo de que todos os trámites se leven a cabo “á maior brevidade”.
Na entrevista, celebrada na Alcaldía de Malpica, exerceu como anfitrión o rexedor malpicán, Eduardo Parga, que estivo acompañado polos concelleiros de Obras, Miguel Fernández, e Seguridade Cidadá, Alfredo Cañizo, e a aparelladora municipal. Por parte carballesa asistiron ao encontro o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras, Luís Lamas. Pola súa banda, a Xunta de Galicia estivo representada polo director xeral de Industria, Bernardo Tahoces, e a subdirectora xeral de Recursos Minerais, María José Mijares. Tamén asistiu o perito encargado de recompilar todos os datos para remitilos á compañía aseguradora para que se faga cargo das indemnizacións pertinentes.
Novas relacionadas
- 24-02-14: Asociacións e oposición alzan a voz contra a mina do Monte Neme e o comparan con Corcoesto.
- 13-02-14: Tragsa empezará a traballar de inmediato no Monte Neme.
- 12-02-14: A Xunta considera controlada a situación no Monte Neme.
- 11-02-14: A Costa da Morte sofre un pequeno Aznalcóllar.
- Unha camiñada para coñecer in situ o proxecto da mina de Corcoesto.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).