Martes. 15.10.2019
El tiempo

A muller é a protagonista dos novos programas formativos de Candieira

A muller é a protagonista dos novos programas formativos de Candieira
Este venres, día 3, arranca en Muros o programa EMBARCA que se enmarca dentro do proxecto Candieira, Rede de apoio e promoción das mulleres do mar no marco do GALP Costa Sostible. Embarca é un programa formativo dirixido a mulleres do mar e emprendedoras que queiran promover unha iniciativa de transformación de produto pesqueiro e da horta, desde un punto de vista artesanal. Baixo o lema "EMBARCA. Saberes e sabores", esta primeira sesión celebrarase na Fábrica de Sel de Muros entre as 10 e as 13 horas. A inscrición é aberta e de balde a través da web de Candieira ou no teléfono 981822754. "EMBARCA. Saberes e sabores" segue as liñas xerais do proxecto participado por seis Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, pero adaptándose ao territorio do GALP Costa Sostible, que abrangue os concellos de Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia e Porto do Son. Seguindo a estela do taller de ideas celebrado en setembro en Muros, nesta zona brindarase asesoramento a aquelas mulleres do mar ou emprendedoras que queiran levar a cabo unha iniciativa que promova a transformación de produtos pesqueiros, desde un punto de vista artesanal. Tamén se explorará a relación do produto con outras producións agrarias. Ao longo dos próximos meses, iranse celebrando diversas sesións que desembocarán na posta en marcha dun prototipo ou maqueta da iniciativa. Candieira guiará ás participantes probando como funcionan as iniciativas desde un punto de vista innovador, explorando sabores e posibles produtos a transformar, deseñando como se poden dar a coñecer as iniciativas e como facelas viables. Programa Aliadas En paralelo, o GALP Costa Sostible organiza na mesma xornada e tamén na Fábrica de Sel de Muros, entre as 17 e as 20 horas, a primeira sesión de ALIADAS, un programa destinado a mulleres de todos os concellos do territorio GALP Costa Sostible, especialmente a aquelas que traballan no sector pesqueiro: redeiras, bateeiras, mariscadoras, pescadoras, etc. interesadas en impulsar a Asociación de mulleres do sector pesqueiro – Seo de Fisterra e Ría de Muros-Noia. O obxectivo: reforzar e dinamizar o tecido asociativo de mulleres existente na zona, traballando habilidades sociais e comunicativas e dotándose das ferramentas precisas para levar adiante o seu propio programa formativo (inclusive probándoo na práctica). O programa ALIADAS contempla formación en igualdade, xestión de reunións, relacións en rede e cooperación, habilidades de comunicación persoal dinámicas de participación e desenvolvemento e identificación de proxectos, entre outras temáticas a tratar. candieira-muros Participantes no tallerde ideas celebrado o pasado mes de setembro en Muros

Novas relacionadas

Fonte  

Comentarios