A praia de Estorde, de Bandeira Azul e balsa de lixo



Parece que está mudando a fisionomía da praia de Estorde. Hai 7 anos a praia lucía unha excelente Bandeira Azul, pero a falta de atención e coidado está destrozando un dos lugares máis atractivos (e accesibles) da contorna.
A praia de Estorde, foi unha das 4 praias que suspenderon na calidade das augas o pasado verán por falta de saneamento. As estatísticas de final de ano do Sergas aínda determinan que alasificación sanitaria, calculada cos resultados dos controis das catro últimas tempadas é Insuficiente.
Este ano a cousa parece que empeora. A finais do pasado verán formouse unha balsa de auga do río na marxe esquerda da praia, na parte máis alonxada do mar. As mareas e a saída rego de Estorde, que vén do lugar de arriba, está provocando a creación dunha balsa que separa o areal da zona verde, provocando ademais que o noiro medre considerablemente.
Unhas augas que proceden da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) que non para de aliviar por exceso de augas e que, segundo varios veciños, adoitan estar sucias.
Responsabilidades?
Dende o Concello de Cee, que debería te aberto unha saída para que o río saíse dereito á auga do mar polo seu sitio natural, aseguran que é un asunto que debe solventar Costas, pero a veciñanza da zona, que xa ten preguntado ao consistorio, teme que este verán comecen os cheiros, e a praia quede sen praia. Un feito que suporía un grande pau para o lugar, onde un hotel-restaurante, varios bares e un camping dependen da calidade deste areal.

Novas relacionadas
- 2017: Lires e Estorde, entre as 4 praias que suspenden na calidade das augas.
- 2017: O BNG de Cee solicita medidas urxentes no saneado dos areais con augas de calidade insuficiente:
- 2011: Estorde, entre as praias con Bandeira Azul.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).