Xoves. 18.04.2019
El tiempo

A traxedia do Prestige, dezaseis anos despois

A traxedia do Prestige, dezaseis anos despois

Un dos primeiros días do Prestige en Nemiña Un dos primeiros días do Prestige en Nemiña Esta semana faranse 16 anos do afundimento do petroleiro Prestige fronte á Costa da Morte, o que provocou un dos maiores desastres marítimos e medioambientais da historia de Europa, ao verter ao mar 63.000 toneladas de chapapote que afectaron a 3.000 quilómetros de costa e a máis de mil praias entre as costas de Galicia e o País Vasco. “Foi un drama terrible provocado pola incompetencia das autoridades, en concreto do Ministro Álvarez Cascos, quen ordenou que o barco se afastara da costa fronte ás indicacións dos técnicos que dicían de levalo a augas máis tranquilas”, sostén o cantante Xurxo Souto, membro da plataforma cidadá Nunca Máis, creada naquel novembro de 2002 como reacción da cidadanía contra a xestión da traxedia. As vilas de Fisterra, Muxía e Camariñas, zona cero da catástrofe, viron como pouco a pouco o seu litoral se tinguía completamente de negro. “Quédaste co recordo dun accidente que pola incompetencia dunha chea de xente, convertérono nunha calamidade. O que non sabe non se pode encargar das cousas que non entende, e cando os políticos comezan a facer de técnicos, mal asunto”, explica José Manuel Marcote, alcalde de Fisterra.

Axuda dos voluntarios e conciencia social

Na opinión de Marcote, “unha vez feito o dano, co que te quedas é co recordo de toda aquela xente que chegou ata aquí con toda a súa vontade, e desde diversos puntos de Galicia e España, para axudarnos a limpar todo o alcatrán que aquí había. A chegada foi inminente”, recorda o rexedor fisterrá. Neste sentido, Xurxo Souto lembra como ante aquela hecatombe sen precedente, “só houbo un único antídoto, que fomos as persoas apañando chapapote a pé de costa e na rúa a berro de Nunca Máis, un lema que nos levou ata Bruxelas e converteu a Galiza nun referente para toda Europa”, engade. Así, para Souto queda claro que despois de dezaseis anos, hai outra conciencia social e que se se volvera repetir un incidente coma este “seguramente o Presidente da Xunta non marcharía de caza como fixo Manuel Fraga, nin o ministro de Madrid mandaría o barco ao ‘quinto pino’, como dixo naquel momento”. Manifestacion de Bergantinos polo Prestige Todo a Costa da Morte, incluída a comarca enteira de Bergantiños, mobilizouse canda o Prestige

Responsabilidades

A Sala do Penal do Tribunal Supremo condenou en novembro de 2013 unicamente ao capitán do barco, Apóstolos Ioannis Mangouras, a nove meses de cárcere por un delito de desobediencia grave ao goberno estatal español. Sentencia que foi corrixida polo Tribunal Supremo en xaneiro do ano 2016, e na que se condenaba de novo ao capitán a dous anos de prisión, esta vez por delito medioambiental, polo que debía facer fronte a indemnizacións de 1.573 millóns de euros ao Estado español. Así mesmo, a sentenza puxo toda a carga sobre o “deplorable estado do buque” centrando a responsabilidade na armadora e xustificando as medidas levadas a cabo polo goberno do PP, incluída a decisión de enviar o buque a alta mar. O maior desastre medioambiental da historia de Galicia quedaba deste xeito impune e sen ningún culpable... “É moi problemático meterlle a culpa a alguén en concreto porque a Administración non quere facerse cargo da súa propia responsabilidade. Persoalmente, eu non creo que o capitán quixera romper o buque”, indica o alcalde de Fisterra, José Marcote, quen insiste en que “as cousas hai que intentar evitalas antes, e ser tratadas por profesionais”. Pola súa parte, Souto di que “a xustiza cada vez é menos xusta. Está claro que a traxedia foi provocada por unha mala decisión do goberno do PP, era un accidente perfectamente asumible e provocou unha desgraza sen precedentes”. Xurxo fai fincapé na idea de reivindicar o poder económico do noso mar máis aló dos desastres ecolóxicos, e “facer da ruta mercante que pasa polas nosas augas un evento de riqueza real para todos e todas”.

 

Comentarios