A veciñanza da Laracha recolle apoios e maniféstase este sábado contra a planta de biogás
Non para a veciñanza da Laracha, na súa comprometida loita contra o proxecto de macroplanta de Biogás que está proxectada na parroquia de Soandres. E vaino paralizar, abofé, con esta implicación. Esta semana, da man da activa Plataforma Stop Biogás A Laracha, tiveron varias reunións (unha no Mosteiro de Soandres e outra no concello de Carballo), e se prepara xa para unha forte manifestación.
Este sábado 9 de maio, a veciñanza da Laracha vaise manifestar para amosar a súa preocupación dun proxecto industrial que se pretende construír a menos de 300 metros das casas e co río Anllóns como vertedoiro dos residuos líquidos que xerará esta instalación.
A manifestación partirá ás 12:00h da praza Les Sables d’Olonne, a carón da Biblioteca Municipal, e percorrerá varias rúas da Laracha ata rematar na praza do Concello onde a Plataforma Stop Biogás A Laracha procederá a ler un manifesto.
Este polémico proxecto, que está en fase de alegacións, conta xa co posicionamento en contra do propio Concello da Laracha e do resto de grupos políticos do consistorio, tamén da Deputación da Coruña e dos concellos limítrofes coa Laracha que, xunto coa veciñanza, están preocupados polas consecuencias medioambientais dos vertidos de residuos líquidos ao río Anllóns, en cantidade equivalente a 2.000 camións cisterna cada ano, e o que iso impactaría nos hábitats do río e da propia poboación que capta auga do río para o seu consumo.
Outro dos puntos que máis preocupan é a contaminación do aire coa produción de cheiros perxudiciais para a saúde, tal como relataba o Médico Neumólogo Evaristo Lombardero na charla informativa organizada pola Plataforma, que tivo lugar o pasado sábado 2 no Mosteiro de Soandres e na que partindo de datos científicos e casos reais, a veciñanza puido comprobar os danos deste tipo de de macroproxectos na saúde das persoas.
Reunión co Concello de Carballo
Así mesmo, membros da Plataforma foron recibidos este mércores polo alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas. O alcalde escoitou as reivindicacións da veciñanza e confirmou que o Concello de Carballo presentará alegacións contra a instalación. O goberno local considera que o proxecto, polas súas dimensións e localización, podería ter un impacto negativo non só no termo municipal da Laracha, senón tamén no noso concello, afectando á calidade de vida e ao medio natural.
Charla informativa o domingo
Ao día seguinte, o domingo ás 12:00h no Casino de Carballo, a Plataforma Stop Biogás A Laracha organiza unha nova charla informativa con expertos, na que participarán Laura Barral, bióloga do CICA da UDC, Evaristo Domínguez do Instituto de Estudos Bergantiñáns e Vanessa Abeleira, enxeñeira civil.
Máis novas da loita #StopBiogásLaracha






