Choven as críticas á Conselleira de Pesca por visitar á Costa só para unha inauguración


Virá hoxe, a piques de comezar a campaña, a Conselleira de Pesca ata Corcubión. Faino para unha inauguración dun restaurante, aberto e ampliado con fondos europeos. Unha visita que indiga a un sector da pesca de baixura en loita, que leva meses pedindo audiencia para con ela.
Así, é Kuka Sar, teniente alcalde de Fisterra, o que alza a voz contra a Rosa Quintana:
Carta aberta á Conselleira de Pesca
Señora Rosa Quintana, visita vostede hoxe Corcubión, seica de inauguracións a un día do comezo da campaña electoral. A súa oportunista visita é algo que me indigna. Resulta totalmente reprobable xa que, por unha banda, está cometendo unha vulneración da lei electoral, pola que se prohiben actos dos poderes públicos no tempo no que está convocado unhas eleccións e, xusto, a unhas poucas horas de comezala campaña. Pero tamén pola desvergoña de presentarse a inaugurar unha ampliación dunha peixería (a cal lle desexo todo o éxito) cando, vostede, ten unha responsabilidade nos malos momentos –críticos diría eu- polos que pasa a pesca no noso País, e en particular o dos mariñeiros e mariñeiras, mariscadores e mariscadoras da Costa da Morte.
Vostede na xestión política da pesca galega é colaboradora necesaria no desmoramento estrutural da nosa frota pesqueira e de todo o que teña que ver cos aproveitamentos do mar non sometidos a intereses das grandes industrias. Vostede segue ao ditado as ordenes , que chamaría da “antipesca galega”, que lle chegan de Madrid e Bruselas. Sabe moi ben que os principios que rexen a política pesqueira comunitaria resultan totalmente inxustas para o noso país. Establece normas que en poucas décadas fixéronnos pasar de ser unha potencia pesqueira a albiscárselle pouco futuro. No lugar de plantarlle cara alíase cos intereses impostos polas potencias europeas.
Vostede lonxe de defender aos seus mariñeiros e mariñeiras celebra a chuvia de axudas para o desguace de barcos. Lonxe de apoiar as múltiples formas de marisqueo sostible no noso litoral promove leis que exclusivamente beneficia e lle regala o litoral as industrias da acuicultura para producir peixe e mariscos “artificiais”. Cando no Parlamento Europeo descoñecen a realidade da nosa pesca, vostede e o seu partido mantéñense ausentes. Pasou coa pesca do xeito, na que tivo que ser a nosa Ana Miranda a que se botara a responsabilidade de facer comprender o disparate de querer prohibila. Vostedes chegaron tarde, aparentaron preocupación e despois do paripé quixéronse apuntar o tanto. Iso sabémolo todos.E así defenden a nosa pesca en Europa.
Foi vostede e o seu partido quen votou en contra, fai poucos días no Parlamento galego, das reivindicacións do cerco. Vai vostede ir “inaugurar” o próximo desguace dun destes barcos por verse abocados ao abandono?.
Resulta moi triste ver que este ano foi unha ducia de barcos da Costa da Morte as que solicitaron axudas para o seu desguace. Como pode ser que o Ministerio saque máis axudas especiais para retirar barcos que para salvar e dignificar a profesión? En Fisterra ao ritmo que imos lograran que teñamos un porto baleiro ocupado só por chalanas. Ah, isto non é inaugurable!
Sabe ben que a frota artesanal desta zona, da que depende tanto a peixería que inaugura, leva erguendo a voz da desesperación en sucesivas mobilizacións. Son 364 embarcacións. Pero é que fai dez anos, eran case 500. Dentro de dez, pode que baixe dos 100. Négase a escoitar as súas demandas e ningunea a súa importancia económica local e tradicional. Mentres tanto mantén os privilexios doutros.
Quere lucirse vostede nunha inauguración na Costa da Morte, xusto nos mesmos días que negan nos presupostos da Xunta investimentos para mellorar as condicións de traballo do mar. Suxírolle que na súa visita aproveite para ir ver as instalacións pechadas e sen estrear de salvamento marítimo do heliporto de Ruibo, a pesar de estar rematadas fai anos, e que custaron 3 millóns de euros. Vergoña debería sentir. Polo de agora os feitos demostran que non lles importa que para os rescates de auxilio a naufraxios se perda media hora de autonomía do helicóptero.
Hoxe vostede, que pretende con esta inauguración? Aparentar tamén que o noso mar atópase nunha “idílica situación”. Pois non! Eu que traballei no mar, fun peixeiro, e agora tócame defender dende a política local a miña xente mariñeira, dígolle que o que está facendo ofende a xente do mar e da súa digna profesión, a cal sen disimulo queren reducir a un sector residual e que pouco moleste.
- Xan Carlos “Kuka” Sar Oliveira. Responsable local do BNG de Fisterra.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).