O BNG insta á Xunta a que inclúa nos orzamentos o saneamento da ría de Corcubión
08:11 27/10/17
Imaxe de arquivo dunhas mariscadoras traballando en Cee
O BNG leva ao pleno que terá lugar hoxe en Cee unha moción para que a Xunta de Galicia inclúa unha partida para o saneamento da ría. "A problemática da contaminación na ría de Corcubión está a converterse, se non o ten feito xa, nun problema crónico. As augas residuais que se verten sen depurar, son o principal problema dunha ría que no seu día foi verxel de riqueza, de postos de traballo. A praia da Concha, en pleno camiño Santiago-Fisterra, perpetúase na súa condición de pechada ao baño, e as súas augas son consideradas zona C para o marisqueo a pé", sinalan os nacionalistas.
En varias ocasións, as distintas administracións recoñeceron o problema da contaminación e incluso chegou ao Parlamento Europeo debido á vulneración de varias normativas referidas ao saneamento da ría. "A última formulada, co rexistro E-1181/10, e coa resposta do Sr. Potočnik en nome da Comisión (DO C 138 E de 07/05/2011) na que manifestou que a Comisión ten iniciado unha investigación para comprobar o cumprimento na ría de Corcubión dos requisitos establecidos na Directiva 2006/7/CE, relativa á xestión da calidade das augas de baño, e na Directiva 2006/113/CE, relativa á calidade esixida as augas para cría de moluscos", indican dende o BNG.
Este tema foi obxeto de estudo en varias ocasións e incluso o Augas de Galicia se comprometeu no seu momento a solucionar "a medio prazo" os problemas de saneamento. Segundo declaran os nacionalistas, a veciñanza de Cee e Corcubión é consciente de que ningún dos dous concellos teñen os recursos económicos propios, nen a capacidade técnica suficiente para levar as conclusións dese estudo a bo porto. Polo tanto, dende o Bloque insisten que a Xunta de Galicia - e pasado ese tempo que se podería considerar como medio prazo - debe aportar os cartos precisos e comezar un plan de actuación que corrixa de forma paulatina as deficiencias das que fala o estudo.
Novas relacionadas
- Maio 2017: A contaminación da ría de Corcubión volve ao Parlamento Europeo
- Marzo 2017: As mariscadoras de Corcubión volven recoller berberecho dous anos despois.
- Novembro 2016: A toxina lipofílica obriga a pechar a ría de Corcubión.
- Outubro 2014: O BNG pide incluír nos Orzamentos a base de Lires e o saneamento da ría de Corcubión.
- Abril 2014: O saneamento da ría de Corcubión centrou a visita costeira de Ana Miranda:
- Febreiro 2013: O BNG esixe o saneamento integral da ría de Corcubión.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- BNG.