![Catamaran atracando no porto de Muxia]()
Catamarán atracando no porto de Muxía
Días de verán e días nos que comprobamos o potencia náutico da nosa bisbarra. Ducias de barcos (veleiros, iates, catamaráns…) fan paradas de tránsito nos nosos portos, nas nosas enseadas, convertindo o sector nunha boa fonte de ingresos para toda a bisbarra. Así o comproban en
Corme, por exemplo, ese fondeadoiro natural onde paran centos de barcos e baixan a consumir a vila.
Tamén o fan noutros portos, dotados de servizos útiles para o viaxeiro, como a Marina Muxía, o Club Náutico de Camariñas ou o porto deportivo de Muros. Son 4 dos puntos máis importantes da bisbarra, a pesar de que a Xunta só ofrezca datos dos seus portos autonómicos (Muros e Muxía) esquecendo o bo traballo de promoción do Club camariñán (tamén
con Bandeira Azul como o muxián) ou a natural estampa cormelá.
![Barcos fondeados na enseada de Corme]()
Barcos fondeados na enseada de Corme
En todo caso, o marxe de mellora é altísimo, como recoñece
Marcos Trillo, responsable da Escola de Vela Cataventos de Corcubión e da Marina Muxía. “Hai moito que medrar no sector náutico da Costa da Morte.
Os portos suman, é bo ter unha infraestrutura en cada zona, porque se hai máis portos non quere dicir que haia que repartir o peixe entre todos, senón que se xenera máis peixe”, explica cunha clara visión de sinerxias. De feito, ten claro que moitos dos que chegan a Muxía fano despois de comprobar que en Camariñas non hai prazas xa para pernoctar. Ademais moita xente ve que a zona dá para disfrutar e fica un día, ou dous, en cada porto.
En todo caso, para facer as rutas máis doadas, Trillo explicaba tamén na Radio Nordés,
“sería bo a creación de novos portos na ría de Corme e Laxe e tamén na ría de Corcubión, por exemplo. De Coruña a Camariñas ou Muxía hai unhas 50 millas, e de Muxía a Muros 35. Son etapas longas, e se a xente puidera facer paradas intermedias en sitios como Corme ou Corcubión a xente podería facer rutas máis tranquilas. Un tío que fai 500 millas do tirón dende Gran Bretaña non ten problema, pero unha familia que vén dende A Coruña facendo unha pequena ruta, prefire facer etapas cortas”, explica. “Con 5 ou 6 prazas en cada porto sería un gran impulso”.
En todo caso, non é doado a creación de novos pantaláns de servizos en ningunha das dúas rías.
En Laxe xa saben o que é perder un pantalán no primeiro temporal, e
por Corme avisan de que pasaría o mesmo. Habería que construír un
dique de abrigo que custaría uns 2 millóns de euros e que realmente serviría para os 4-5 días de forte temporal que hai cada ano.
Grandes cifras
![O Club Náutico de Camariñas]()
O Club Náutico de Camariñas
As cifras de paradas de tránsito son moi boas, e seguen medrando ano tras ano.
En Camariñas por exemplo rexistraron 432 barcos oficiais dende o 1 de xaneiro, conseguindo un aumento nun 15% o número de embarcacións en relación ao ano pasado e converténdose no mellor destos últimos 5 anos. De feito, no mes de xullo foron 12-14 os iates que tiveron a diario, tendo moitos días cheo e con lista de espera ou mandando os barcos a Muxía ou a fondear a Lingunde (o pasado mércores había uns 15 barcos fondeados diante do areal camariñán).
No porto deportivo Marina Muros apuntaron 354 barcos durante o primeiro semestre do 2018, mentres que
na Marina Muxía, uns 226. Boas cifras comparadas con outros portos autonómicos.
![Porto deportivo Marina Muxia cheo]()
Porto deportivo Marina Muxía cheo un día de verán
Como un hotel, fai falta unha boa oferta de servizos
A realidade é que non hai desmasiadas prazas nos nosos portos.
Muxía ten 25 prazas dispoñibles para tránsitos e Camariñas ten algunha menos, pero rondan esas prazas, pois boa parte das 84 prazas dos seus pantaláns están ocupadas todo o ano.
As prazas son como un hotel, hai que chamar pola radio (UHF) e preguntar se hai prazas para reservar esa noite. Por exemplo en Muxía pode custar arredor dos 20-30€ a noite.
E da necesidade de servizos, Trillo valora que “é certo que cando fai bo tempo ninguén necesita servizos, pero cando hai mal tempo todo o mundo quere ter un amarre preto porque se sente inseguro para pasar a noite, porque ten que facer un arranxo”… Por iso servizos como gasoliñeira, varadoiro ou restaurante son positivos para atraer visitas.
”Estamos no medio da autopista do mar”
E cando falan do marxe de mellora, unha das claves é a situación estratéxica mundial da Costa da Morte. ”Cando
saímos por aí ás feiras internacionais (Salón Náutico Internacional Grand Pavois, de La Rochelle, o Salón Náutico de París, o Southampton Boat Show...)
bástanos con ensinar o mapa, porque se en terra estamos na esquina de Europa, nas rutas marítimas estamos no medio e medio da autopista que todo o mundo ten que usar. Se queren ir de Southamton ao Mediterráneo ten que pasar por aquí. Se alguén vai de Francia ao Caribe, ten que pasar por aquí, e dicímolo con coñecemento de causa por tivemos casos semellantes este ano”, explica Trillo.
Novas relacionadas
https://quepasanacosta.gal/corme-o-fondeadoiro-natural-mais-movido-da-costa-da-morte/
https://quepasanacosta.gal/a-feira-nautica-de-camarinas-protagonizan-un-gran-crecemento-na-sua-segunda-edicion/
https://quepasanacosta.gal/de-muxia-a-muros-facendo-o-camino-por-mar/
https://quepasanacosta.gal/10-praias-2-sendeiros-e-2-portos-da-costa-da-morte-luciran-bandeira-azul-este-veran/
https://quepasanacosta.gal/o-porto-deportivo-de-muxia-presente-no-salon-nautico-de-la-rochelle/