Luns. 22.07.2019
El tiempo

1965: Mazaricáns en Hannover

1965: Mazaricáns en Hannover
Moito nos gusta falar da emigración costeira. Temos falado con ducias de Veciñ@os polo mundo, ou visitado aos carnotáns de NYC. Desta volta é o amigo Suso Jurjo que nos devolve á Alemaña de 1965 cos seus veciños mazaricáns.  

1965: Mazaricáns en Hannover

mazaricans-en-hannover Polo aspecto achaquetado que presentan, a pesar de estar nos primeiros días de agosto, a calor debía ser boa de aturar. Antonio e Manolo do Xalleiro de Atán viñan á Terra de vacacións e unha boa parte da pequena comunidade de mazaricáns emigrados en LEHRTE (Alemaña), aproveitando que non era día de traballo, vestiron a roupa de garda e acompañáronos a HANNOVER, situada a uns escasos 20 km. Alí collerían o tren que os traería a Galicia. E aí os temos na grande praza á que abre a súa inmensa fachada a Estación Central de Hannover, pasando o tempo antes da despedida. De esquerda a dereita atopamos a Francisco do Mestre de Atán, Antonio do Xalleiro de Atán(había tempo que fundara vida no mesmo lugar de Atán e tamén era coñecido polo nome da súa muller, e dicir, Antonio de Isabel); un asturiano que facía moita vida cos nosos protagonistas, Manolo de Isabel (fillo de Antonio do Xalleiro); Antonio do Ghapito de Quintáns ( pai deste que escrebe); José do Lelo Vello de Lago, Manolo do Xalleiro de Atán, Manolo do Xusto de Lago e, diante de todo en posición abaixada, Rafael do Mestre de Atán. Se hai un motivo polo que é coñecida Hannover en todo o planeta, é pola Feira de Exposicións que sobre o sector industrial se celebra nesa cidade tódolos anos, dende 1947, durante o mes de abril. É a máis importante do mundo no seu ramo e un claro expoñente non só da puxanza da industria alemá en xeral, senón tamén da zona concreta na que buscaron mellorar o seu futuro os nosos fotografados. No segundo plano da nosa imaxe, ao pé da árbore, vese un cartel anunciador desta Feira de Exposicións. A “Hannover Messe” simbolizada pola cabeza de Mercurio, o deus clásico do comercio, da industria e da navegación, que tamén sobreimpresionamos na parte inferior dereita da fotografía. Aproveitando que nesta semana, o 18 de decembro, se celebra o Día Internacional do Emigrante, imos lembrar as circunstancias polas que chegaron os nosos protagonistas a esta parte de Alemaña e o que significou non só para eles, senón tamén para un bo mando de veciños seus que emprenderon o mesmo camiño grazas a eles. Aínda que a instantánea que preside esta entrada foi realizada en 1965, para coñecer as orixes desta historia temos que retrotraernos algúns anos máis atrás. Foi alá por setembro de 1960 cando a Antonio do Carrillo de Asenso, despois de adquirir certos coñecementos de electrónica, lle recomendaron que fora traballar á fábrica que a casa Telefunken tiña en Hannover. Pola mesma época andaba buscando traballo infrutuosamente Domingo do Oveiro de Val que daquela aínda estaba solteiro e non era do Oveiro, senón do Tato de Guimarei da veciña parroquia de Valadares. Ademais da proximidade xeográfica, o feito de ter tocado na Banda de Música de Mazaricos, relacionárao estreitamente con moita xente do noso Concello. Así que, con poucas posibilidades de ter un salario digno na terra, decidiron encetar xuntos o camiño da emigración. Colleron o tren e embarcáronse nunha viaxe de máis de 2.200 km., na que deixaron atrás toda a cornixa cantábrica, cruzaron Francia de Sur a Norte, atravesaron Bélxica e percorreron un bo anaco de Alemaña ata chegar a Hannover, a capital da Baixa Saxonia. Apousentáronse nun hotel próximo á Estación Central e puxéronse a buscar traballo. Pero a cousa era máis complexa e difícil do que puidera parecer. Ningún dos dous tiña o máis mínimo coñecemento de alemán para dar a entender os seus desexos. Nin Antonio progresaba nas súas “conversacións” coa Telefunken, nin Domingo atopaba nada ao xeito. Despois de sete ou oito días e cos petos practicamente baldeiros, apareceu polo hotel un murciano que formara parte da División Azul e que se quedara en Alemaña despois de rematada a guerra. O encargado do hotel debeu informalo da situación en que se atopaban os nosos veciños e axúdoos a saír do gharamelo. En poucos días Antonio empezou a traballar na Telefunken. Domingo fíxoo aínda antes, á mañá do día seguinte recollíao no hotel unha furgoneta da empresa BAUMGART que se dedicaba á construción de obra pública e tiña a súa maior ocupación no mantemento das vías férreas. A Baungart estaba radicada en Lehrte e Domingo escolleu para vivir esta localidade moi próxima á capital do estado e que naquel momento tería uns 25.000 habitantes. A empresa citada non era a única domiciliada naquela pequena cidade. Entre as grandes había unha planta de fabricación dos electrodomésticos Miele, un laboratorio farmacéutico e unha inmensa refinería de azucre de remolacha, na que acabaron traballando moitos mazaricáns. Se en setembro de 1960 chegaban a Hannover os dous primeiros expedicionarios, en marzo do seguinte ano arribaban Antonio e Manolo do Xalleiro e Rafael do Mestre, os tres do lugar de Atán. Viñan seguindo os pasos de Domingo do Oveiro, despois de que este último lles comunicara por carta o seu enderezo e a posibilidade de atoparen traballo por aquelas latitudes. Chegaron nun venres e no luns seguinte xa estaban traballando no mantemento das vías férreas por conta da Baumgart. Co mesmo destino xeográfico e laboral partían en agosto do mesmo ano de 1961: José do Lelo Vello de Lago e Francisco do Mestre de Atán. En pouco tempo farían o mesmo Pepe do Corvo de Vilariño de Beba, Antonio e Manolo do Xusto de Lago, Manolo de Isabel de Atán(o fillo máis vello de Antonio do Xalleiro) e Antonio do Ghapito de Quintáns (meu pai). Domingo do Oveiro e Pepe do Corvo non tardaron en marchar, o primeiro buscando un lugar máis axeitado ás súas inquedanzas, e o segundo retornando á Terra. Antonio do Carrillo, aínda que tampouco botou moitos anos alí, estaba en Hannover e facía pouca vida cos que se atopaban traballando e vivindo en Lehrte. Xa temos todos os que aparecen na fotografía, os pioneiros, os responsables dunha rede de solidariedade entre familiares, amigos e veciños que foi levando nos seguintes anos a Lehrte, como primeiro destino, a moitos mazaricáns desexosos de que o seu esforzo fora recompensado cun salario xusto. Eles ocupábanse de buscar os contratos nas empresas nas que traballaban ou noutras. Contratos que despois remitían a Mazaricos para que os seus parentes e coñecidos saíran da Terra co traballo asegurado. A modo de exemplo podemos dicir que Antonio e Manolo do Xalleiro de Atán lle conseguiron colocación aos fillos de Antonio (Manolo, Antonio, Severino e Moncho de Isabel); á muller e ao cuñado de Manolo (Hermosinda e Germán de Fontemourente); aos sobriños de ambos (Pepe e Antonio do Xalleiro) e a unha longa recua de veciños de Atán e doutros lugares. Outro tanto podemos dicir de José do Lelo con relación aos seus veciños de Lago e non só de Lago, a meu pai, sendo de Quintáns, mandoulle el o contrato. E así o resto do grupo. Moitos dos que chegaron alí nos anos sesenta e setenta empezaron na Baumgart e despois, segundo os intereses de cada un, ían buscando outra ocupación en Lehrte ou nos seus arredores: Hannover, Isernhagen,… Naqueles tempos non era difícil atopar traballo en Alemaña, e máis sendo galegos. En poucos lugares podían atopar xente máis curtida no traballo, máis cumpridora, máis guieira e máis submisa. Esta longa cadea de solidariedades conformou en poucos anos unha comunidade de mazaricáns emigrados en Leherte e nos seus arredores, dunhas 60 persoas segundo os informantes que logo citaremos. Puideron ser algúns máis, pero non moitos máis. Seguidamente vou deixar constancia de todos, incluso dos que xa citei anteriormente: Antonio do Carrillo de Asenso, Domingo do Oveiro de Val, Antonio do Xalleiro ou de Isabel de Atán, o matrimonio formado por Manolo do Xalleiro de Atán e Hermosinda de Fontemourente (en Alemaña naceron os seus tres fillos); Rafael do Mestre de Atán, José e Faustino do Lelo Vello de Lago, o matrimonio formado por Francisco do Mestre de Atán e Pepita do Mancebo de Corveira (alí neceu a súa filla máis nova); Pepe do Corvo de Vilariño de Beba, Manolo e Pepe do Xusto de Lago, o matrimonio formado por Antonio do Xusto de Lago e Leonor do Alvite de Alborés (en Lehrte tiveron o seu fillo máis novo); Manolo do Alvite de Alborés, o matrimonio formado por Antonio do Ghapito de Quintáns e Evangelena do Varela de Beba (meus pais); Manolo, Antonio, Severino e Moncho de Isabel de Atán (fillos de Antonio do Xalleiro); o matrimonio formado por Manuela e Ramón da Parrillada da Picota (alí naceu a súa filla máis nova); Pepe do Xalleiro de Atán (alí casou con Rosa Valenza e alí naceu o seu fillo Carlos); o matrimonio formado por José do Cacheiro de Lugarnovo e Manuela do Ghapito de Quintáns; Antonio do Ghalego da Gheima, José do Paquete de Lago, Francisco do Conde de Atán, o matrimonio formado por Domingo do Ghapito de Quintáns e Anita de Baña de Serráns e Maricarmen, a filla de ambos; Antonio do Xalleiro de Atán (sobriño, igual que o seu curmán Pepe, de Antonio e Manolo do Xalleiro); Ramiro da Xastra de Lago,o matrimonio formado por Germán de Fontemourente e Carmen do Bravo de Corveira; Evaristo, Carmen, Manolo e Juan da Ponxa de Lago; Ramón da Regacha de Quintáns,o matrimonio formado po Manolo do Ardeiro de Pidre e Balbina do Grabello de Insua, o Rosiño de Gosolfre, Antonio do Aleixos de Lago, José, Manolo e Dominga do Antelo de Abeleiroas; Maruja de Rosa de Vilar Gheimonde, Evaristo das Porteliñas de Lago, Ramón da Beira de Quintáns, o matrimonio formado por Carlos do Carnotán de Fontemourente e Manola de Delia de Cuíña (en Lehrte naceu o seu único fillo e alí seguen vivindo todos), José e Benigno do Fulleiro de Serráns, José do Ghalapo de Atán, Manolo do Forreiro de Foxas, Claudio do Habanero de Serráns, José do Barcalés de Lago, o matrimonio formado por Ovidio e Carmen de Liñares; Domingo do Paduxo de Serráns, José do Afonso de Lago e o matrimonio formado por Pepe do Ameixeiro da Ponteolveira e Esperanza do Creghiño de Campelo (en Hannover naceron os seus dous fillos e alá seguen vivindo). Andar por Lehrte naqueles tempos era, case, coma estar na casa. A emigración e parte consubstancial da nosa Terra dende que o mundo é mundo. Os reis do medievo xa repoboaron con galegos grandes zonas de Castela, Estremadura, Andalucía e Portugal. Durante a Idade Moderna empezan as migracións a América e as estadías estacionais en Portugal e en Castela. O século XIX e a primeira metade do XX viron como partían con destino ás Américas miles e miles de compatriotas. Pero quizais a ausencia por motivos laborais que verdadeiramente lle desvirou o pelexo a este País, foi a que se produciu con dirección ás nacións da Europa desenvolvida nas décadas dos sesenta, setenta e oitenta do século pasado. Despois continuou pero xa a un ritmo moito menor. Durante aqueles anos o fluxo de divisas transformou para sempre o rostro de Galicia. Este artigo non sería posible sen as valiosísimas informacións de Domingo do Oveiro de Val e dos irmáns Antonio e Moncho de Isabel (fillos de Antonio do Xalleiro e, coma seu pai, emigrantes tamén en Hannover). Dende aquí quero reiterarlle o meu agradecemento pola súa xenerosa colaboración.  
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Novas relacionadas

Outros artigos migratorios

Serie “De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir””, por Manuel Vilar

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

    • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

Comentarios