A casa do conserxe do antigo CEIP Pino de Val convírtese nun local social
Recibía unha visita provincial onte o Concello de Mazaricos. A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos da Deputación da Coruña, Cristina García, visitou este venres en Mazaricos a obra de rehabilitación da casa do conserxe do antigo CEIP Pino de Val, pechado no 2021. Esta actuación permitirá recuperar un espazo que permanecía en desuso e convertelo nun local social. A obra, promovida polo Concello e financiada integramente con fondos do Plan Único (POS), ascende a algo máis de 123.000 euros.
Na visita, A responsábel de Plans Provinciais destacou que para a Deputación “unha satisfacción” poder contribuír á recuperación dun local que estaba abandonado desde o peche da escola “e darlle unha segunda vida poñéndoo ao servizo dos veciños e das veciñas”. O edificio transformarase nun equipamento dotacional de carácter multiusos, concibido como un espazo flexíbel para reunións, actividades culturais, obradoiros ou actos veciñais.
Os traballos inclúen a rehabilitación interior, a mellora da eficiencia enerxética do inmóbel, a renovación das instalacións e o acondicionamento dos espazos exteriores, coa separación do recinto respecto do resto do antigo complexo educativo e a creación dunha pequena zona verde.
O POS
Desde o ano 2017, Mazaricos recibiu 10,3 millóns de euros do Plan Único da Deputación (POS); deste total, 2,1 foron no ano 2025 que agora remata. Nestes momentos xa está prevista a primeira achega do ano 2026, que ascende a case 1,2 millóns, cifra que previsibelmente se incrementará ao longo do ano co POS adicional.