Venres. 29.03.2024
El tiempo

ENTROIDO

O asociacionismo volve levar a Mazaricos o Entruido con máis esencia

Venres, sábado e domingo haberá a segunda ruta de tapas nos establecementos hostaleiros do Concello

CARTEL_ENTRUIDO_19____
Cartel do Entruido 2019
O asociacionismo volve levar a Mazaricos o Entruido con máis esencia

O ano pasado toda a mocidade do Concello se ataviou de pano para desfilar detrás dos entruideiros de Arcos, a única parroquia do Concello que conservou a tradición entruideira do Exército dos Panos. Este ano os de Arcos volven sair á rúa e a mocidade do Concello irá na parafernalia que os acompaña disfrazados de profesións variadas: fotógrafos, médicos, vellos, cegos, bailadores…

A saída da comitiva será o sábado ás catro e media desde o recinto feiral. Á volta haberá merenda entruideira de balde con inchables e campionato de xogos populares por idades. Ás nove e media da noite haberá cocido en San Cosme de Antes. O día 5 de marzo ás 6 da tarde haberá correduría solidaria de Entruido que sairá do colexio público de San Cosme e pasará por San Cosme, Xunqueira, Pazos e Grille para rematar con merenda no colexio.

No cerne da organización están as asociacións do Concello: Eu Son Mazaricos, Asociación de Veciños o Souto de Arcos, Asociación de Amas de Casa, a Asociación cultural de Antes e a Asociación de Hostaleiros.

Ruta de Tapas

Chega a segunda edición de Mazaricos é tapas e, durante o venres, sábado e domingo, os locais EFE EME, Casa Senra, Parrillada California, Pizzería Vinculeiro, O Verxel, Casa Jurjo, Café Bar Alborada, Asador Manduca, Casa Pego, O Barallas e Parrillada Liverpool poñerán os seus fogóns a andar para ofrecer os mellores manxares en forma de petisco. As persoas poderán adquirir un pasaporte nos establecementos e, as que o selen en dúas parroquias entrarán no sorteo de dúas ceas para dúas persoas

A tradición do Exército dos Panos

O encargado de abrir o desfile é o abandeirado que anuncia a chegada, despois vai o xeneral e o garda civil e tras deles o Exército. Van vestidos de branco, encinchados, con panos que lles cruzan polos ombreiros e que tamén levan nos pulsos. As súas armas van primorosamente decoradas pero, o máis identificativo son os sombreiros, cheos de plumas e xoias.

O Exército desfila e cumpre a función de abrirlle sitio aos bailadores, unha parella de mozos experimentados nos bailes tradicionais. Ao grupo, tal como di o costume, ségueno outros personaxes: o varreduiro, provisto dunha vasoira feita de follas de cebro que lle fai camiño ao resto da comparsa ou o rabechador, armado cun pau revirado. Outros homes van disfrazados de oficios peculiares: o cordeleiro, o sarral-leiro, o afiador, o limpabotas; ou profesións que eran novidosas na época: o médico, o veterinario ou o fotógrafo.

Parece que a orixe destes desfiles militares está nas guerras napoleónicas de comezos do século XIX, aínda que superposta sobre as batallas de mouros e cristiáns de longa tradición. O exército dos panos relaciona o Entruido de Mazaricos con outros como os da zona da Ulla, nos que a parroquia afirmaba o seu carácter e a súa identidade colectiva e rural fronte ás freguesías dos arredores. En relación á “Guerra da Independencia”, en Mazaricos houbo un enfrontamento cos franceses na Batalla da Ponteolveira. Se reparamos no chapeu do Exército dos Panos atoparemos moitas semellanzas con aqueles gorros altos que empregaban os franceses.

Comentarios