Luns. 29.04.2024
El tiempo

Juan Blanco volve retomar o mando da alcaldía de Mazaricos

Juan Blanco alcalde Mazaricos 2023
Juan Blanco co bastón da alcaldía
Juan Blanco volve retomar o mando da alcaldía de Mazaricos

O retrasado no seu día Pleno municipal de investidura de Mazaricos celebrou hoxe a súa sesión constitutiva para o mandato 2023-2027. Juan Blanco foi escollido novamente rexedor de Mazaricos, votando a prol da súa investidura os seis concelleiros do grupo do BNG. Previamente, tanto o candidato do Partido Popular, José Manuel Caamaño López, como o de Espazo Común, Francisco Javier González Trillo, retiraran a súa candidatura.

O alcalde reelixido chamou a traballar conxuntamente a todos os concelleiros nos próximos catro anos polo futuro de Mazaricos e reivindicou as boas relacións entre os distintos grupos, lembrando que esta cordialidade foi tradicionalmente norma en Mazaricos. “Temos as portas abertas e seguiremos a traballar nos próximos catro anos para desenvolver grandes proxectos en infraestruturas, en promoción ou en xestión local”, rematou.

Pola súa banda, o representante do grupo Popular, José Manuel Caamaño, parabenizou á candidatura gañadora das eleccións locais e agradeceu aos votantes do Partido Popular polo seu apoio. Prometeu cumprir co papel “que os veciños nos encomendaron facer” e adiantou que exercerá “unha oposición clara, directa, honesta, responsable e construtiva”. “Despois das eleccións só hai un partido, o propio Concello de Mazaricos, e servirémolo do mellor xeito que poidamos en colaboración co goberno elixido nas urnas”, rematou.

Concelleiras e concelleiros do Pleno municipal 2027-2023

Foto grupo novo Pleno Municipal copia

O Pleno municipal para o mandato 2023-2027 queda constituído polos seguintes concelleiros e concelleiras. Polo BNG, Juan José Blanco Riveiro (alcalde), Beatriz Alvite Novío, Esteban Pereiro Esperante, Sandra Alvite Ferreiro, Jorge Domingo Villar Cobas e Jorge Sanmartín Rial.

Polo grupo municipal do Partido Popular, José Manuel Caamaño López, Laura Rodríguez Antelo, María Manuela Lago Pérez e María Dolores Gómez Gómez.

Por parte de Espazo Común, o concelleiro será Francisco Javier González Trillo.

Comentarios