Marcha ciclista interxeracional e Festa cos Festicultores para o sábado mazaricán
O Concello de Mazaricos organiza para o sábado 23 de setembro unha completa xornada deportiva e musical para toda a familia. Pola mañá terá lugar a edición de 2023 da Marcha Ciclista Interxeracional, e á noite un concerto do afamado conxunto Os Festicultores, un dos grupos máis divertidos do noso país.
A Marcha Ciclista partirá ás 10:30 da Casa de Cultura, e contará cun descanso e avituallamento na área fluvial da Pontenova, a aproximadamente 3,5 km de distancia. O remate será novamente na Casa de Cultura. O percorrido é apto para ciclistas de todas as idades e condicións físicas, por ser plano e curto. É obrigatorio o uso de casco.
Un ano máis, incentivarase a participación de familias e persoas de distintas xeracións. A inscrición pode realizarse tanto de forma individual (no formulario dispoñible nesta ligazón) como familiar (nesta outra). Haberá premios para a persoa participante de maior idade, a de maior idade e a familia con máis participantes.
O Millor para Sandar as Amarguras
Esa mesma noite, Os Festicultores Troupe ofrecerán o seu divertido espectáculo en Mazaricos. O grupo máis festeiro de Galicia volve á carga coa súa mestura de humor, performance e troula que non deixará indiferente a ninguén. O concerto “Festicultura. O millor para sandar as amarguras” terá lugar ás 21h no campo da Feira da Picota. No caso de que chova, trasladarase á Casa de Cultura.
Todas estas actividades son de balde. O Concello convida a todas as e os mazaricáns a comezar o outono desfrutando dunha xornada en familia e dun divertido espectáculo musical.