Luns. 29.04.2024
El tiempo

Mazaricos, un dos Concellos que menos gasta en nóminas políticas

Foto grupo Goberno local Mazaricos
Mazaricos, un dos Concellos que menos gasta en nóminas políticas

O Concello de Mazaricos celebrou o pasado mañá un Pleno extraordinario de organización para o presente mandato. Nesta xuntanza deuse conta da organización dos grupos políticos municipais e acordouse a periodicidade de reunión da Corporación. Tamén se creou a comisión informativa especial de contas e nomeáronse os representantes da Corporación nos órganos colexiados. Igualmente, o Pleno acordou a determinación de dedicacións parciais e exclusivas, confirmando Mazaricos, un mandato máis, como o concello da comarca con menor gasto neste apartado.

As sesións plenarias ordinarias quedaron fixadas para o terceiro luns de cada mes, ás 10h da mañá. Celebraranse cada dous meses.

O Pleno aprobou dúas dedicacións exclusivas, por valor de 30.000 euros anuais, para o alcalde, Juan Blanco, e o tenente de alcalde, Jorge Villar. Do mesmo xeito, aprobáronse catro dedicacións parciais, ao 25% de xornada, por un valor de 7.500 euros anuais para o resto de concelleiros e concelleiras do Goberno local. Por parte da oposición, tanto o Partido Popular como Espazo Común se opuxeron ás dedicacións previstas, que saíron adiante co voto positivo do grupo de goberno.
O alcalde, Juan Blanco, xustificou esta medida polo volume de implicación que durante os últimos anos asumiron os membros do Goberno. A este respecto, sinalou que a dedicación parcial garantirá que as e os integrantes do Goberno local poidan desenvolver a súa función eficazmente e dedicándolle o tempo necesario. “Todo o mundo que traballa e que dedica o número de horas que dedicaron durante estes anos os nosos concelleiros, debe ser retribuído, tendo en conta as horas do seu tempo persoal e familiar que destinan a traballar polos veciños e as renuncias que isto ocasiona tamén no ámbito laboral”, explicou.

O alcalde afondou nesta argumentación lembrando que “durante os últimos oito anos no meu caso e catro no caso do tenente de alcalde nin sequera desfrutamos das nosas vacacións”. O volume de traballo crecente nos últimos oito anos en Mazaricos, explicou, obriga “a aumentar a implicación de todo o noso equipo na xestión diaria do Concello, e as dedicacións permítennos afrontalo”. Neste sentido, optouse por habilitar dúas dedicacións exclusivas no rango salarial máis baixo para poder habilitar o resto de dedicacións parciais mantendo Mazaricos, como ata agora, “como o Concello da nosa comarca que menos cartos dedica a pagar nóminas políticas”. Así, o alcalde recordou que fronte aos case 45.000 euros que contempla a lei como límite, as dedicacións completas quedan fixadas en 30.000 euros. O conxunto de dedicacións parciais, xa que logo, non aumenta o gasto por riba do que o farían dúas exclusivas de 45.000 euros.

As retribucións por asistencia a pleno, que non cobrarán os membros do Goberno local, quedaron axustadas en 120 euros por sesión.

Comentarios