sábado. 13.06.2026
El tiempo

O grupo de teatro afeccionado de Mazaricos, "Troula", estrea na casa

Cartel Mazaricos 2026
O grupo de teatro afeccionado de Mazaricos, "Troula", estrea na casa

O grupo de teatro Troula, formado por veciñas e veciños de Mazaricos, estreará a súa nova obra “Grazas, aquí estou ben” o venres 7 de xuño ás 19:00 horas no Auditorio da Casa de Cultura da Picota. A peza é o resultado de catro meses de ensaios dirixidos pola actriz, dramaturga e docente Arantza Villar, e conta co apoio do Concello de Mazaricos e da produtora Fósforo Arte e Cultura.

Troula naceu como continuidade natural dos obradoiros municipais de teatro desenvolvidos nos cursos 2022–2023 e 2023–2024. Aquelas formacións, impulsadas polo Concello —a primeira con financiamento europeo e a segunda asumida integramente pola administración local agás o vestiario— culminaron nas representacións de “Serán” e “Vacas”, que espertaron un grande interese entre o público. O éxito e a cohesión do grupo levaron ás persoas participantes a consolidarse como compañía estable.

A nova obra, “Grazas, aquí estou ben”, parte da historia dun regueifeiro de Arcos que decide converterse en dramaturgo, convencido de que a arte non ten cancelas. A partir dese punto, constrúe unha serie de escenas onde se mesturan humor, tolemia e algunha regueifa, e nas que desfilan personaxes tan diversos como comerciais de eólicos, parellas sen herdeiros, banqueiras, vendedoras de produtos milagrosos, therians ou instagramers do rural. En total, catorce intérpretes que “actúan, gozan e o dan todo porque enriba do palco están ben”.

O elenco está formado por José Cambeiro, Domingo Caamaño, Angelita García, Chelo Jurjo, Mari Carmen Moreira, Mari Carmen Rey, María Luaces, Isolina Santiago, Manuel Pérez, Eva García, Laura Prado, Ángela Villar, Mª Manuela Mayo e Jessica Martín. O texto e a dramaturxia son obra de Arantza Villar, con achegas de José Cambeiro e doutras persoas da compañía. A música é creación da tamén veciña de Mazaricos e multifacética artista,Yas Deluaces, e a asistencia de dirección corre a cargo de Pepa Caamaño.

Desde o Concello de Mazaricos destacan o valor comunitario e cultural desta iniciativa.

Comentarios