Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Mazaricos negocia coa Xunta como convertir o CEIP na Residencia de Maiores Pino do Val

Xuntanza DX Maiores Mazaricios
Mazaricos negocia coa Xunta como convertir o CEIP na Residencia de Maiores Pino do Val

Moi representativa dos tempos demograficos que vive a Galicia rural a proposta do Concello de Mazaricos de convertir o pechado CEIP do Pino do Val nunha residencia de maiores. Anunciábao a semana pasada e esta xa mantivo varias reunións ca Xunta para darlle un empurrón.

O alcalde, Juan Blanco, e a concelleira de Servizos Sociais, Sandra Alvite, reuníronse hoxe co director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Fernando González Abeijón, para definir fórmulas de colaboración do Goberno galego neste proxecto de carácter estratéxico para o municipio. O Concello é o promotor e será o xestor pero considera que a Xunta deberá participar dalgún xeito.

O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, sinala que “pola nosa banda, entendemos que a colaboración da Xunta de Galicia sería lóxica nun proxecto coma este pola extensión territorial que daría ás políticas de atención á terceira idade”. A concelleira de Servizos Sociais, Sandra Alvite, engadiu que “aínda que por parte do Concello contamos cun plano de financiamento que nos permite desenvolver esta infraestrutura de maneira autónoma, polo que vai ser unha realidade en calquera caso xa en 2023, pensamos que é de xustiza que a Xunta se implique co benestar dos maiores non só do noso municipio, senón de toda a nosa comarca”.

O proxecto de residencia contará con aproximadamente 50 prazas, xerando arredor de 30 postos de traballo directos e indirectos. A residencia funcionará, ademais, con prezo reducido para as persoas de Mazaricos. O proxecto desenvolveuse con axuda da rolda de visitas que dende o Concello de Mazaricos se fixo noutros municipios galegos para coñecer as súas experiencias.

Esta residencia súmase a outras iniciativas de benestar para as persoas maiores en Mazaricos como a recente apertura das Casas do Maior, o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar ata alcanzar as 100 persoas usuarias e os servizos a domicilio de rehabilitación física e cognitiva.

Novas relacionadas

Comentarios