Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Mazaricos pon en marcha o seu completo programa de Nadal

CARTAZ NADAL Mazaricos
Mazaricos pon en marcha o seu completo programa de Nadal

Tralo éxito da I Feira de Nadal, o programa cultural prosegue en Mazaricos cun completo programa de actividades para todas as idades que se prolongarán ata o día de Reis. O Campamento de Nadal celebrarase os días 22, 23, 27, 28, 29 e 30 de decembro, así como os días 3, 4,5 e 7 de xaneiro, entre as 9.30 e as 14.30h. Será no Colexio da Picota e no Local Social de San Fins.

A Aula Gastronómica acollerá o Showcooking de Nadal en dúas modalidades, adultos e infantil. O primeiro terá lugar os días 22, 27 e 29 de decembro, así coma o 3 de xaneiro, entre as 18 e as 20h. O Showcooking para nenos celebrarase os días 23, 28 e 30 de decembro, así como o 4 de xaneiro, de 18 a 20h.

Na tarde do 26 de decembro, ás 17h, o recinto feiral da Picota acollerá a representación da sensacional obra para nenos e maiores ‘Apalpadoriños’.

O Nadal incluirá tres filmes de animación que se proxectarán na Casa de Cultura, sempre ás 17h. O día 27 proxectarase ‘Espías con disfraz’, e o 28 ‘Mazinger Z’. O 29 de decembro proxectarasr ‘¡Scooby!’.

O Día 30 de decembro ás 17h proxectarase na Casa de Cultura ‘Fartura de Nadal’, un espectáculo de música e contacontos a cargo do grupo Rilo&Penadique.

As tradicionais Carreira do Leite e Brinde Leiteiro celebraranse novamente o derradeiro día do ano, o 31 de decembro. A Carreira do Leite arrincará ás 16.30. O formulario de inscrición publicarase en breve nas redes sociais do Concello. Novamente, pídese ás persoas participantes que acudan disfrazadas. Ademais, o Concello prega que se acuda con obxectos (chocas, cascabeis) que fagan ruído para reivindicar o prezo xusto polo leite para as gandeiras e gandeiros na ruta, que cruzará a Picota.

O 2 de xaneiro, ás 18h na Casa de Cultura, a Coral Polifónica de Urdilde ofrecerá un Concerto de Aninovo, seguido por unha merenda.

Xa o 5 de xaneiro, volve a Gran Cabalgata de Reis, con agasallos para a rapazada e unha chocolatada para todas as persoas asistentes.

Comentarios