Mazaricos vibrou coa súa esencia
Que de emocións viviron os mazaricáns o pasado venres 30 de decembro. Eran as dez da noite e na Casa da Cultura da Picota xa non collía unha formiga. Comezaba a gala da Esencia MZ, presentada por Federico Pérez. Unha Gala que serve para pechar esa campaña de promoción e posta en valor que as bravas mozas de Eu son Mazaricos levan realizado durante o 2016.
Todo irradiaba ilusión e sentimentos dende o minuto cero. A xente levaba agardando días por este momento e esa ilusión e ganas era o que se respiraba mentres cada un ía ocupando o seu asento.
A gala comezou co primeiro vídeo de cando nacía o proxecto, no que varios dos membros da asociación Eu Son Mazaricos tentaban concentrar en breves frases a beleza e o orgullo pola súa terra. Seguidamente Federico daba paso a presidenta da Asociación Janet Martínez que explicou como naceu esta idea e introducía o primeiro vídeo “As Asociacións” resaltando a importancia do traballo en equipo e lembrando o lema a “unión fai a forza” para poder acadar mellores resultados en tódolos obxectivos que un se propoña.
Nos seguintes minutos, visionáronse vídeos en versión curta acerca das profesións, da cultura, da nosa fala, dos animais, dos deportes e das historias dos maiores. Todos eles introducidos polo inigualable Fede que puxo o seu acento de humor e sobre todo sacou a relucir todo o seu orgullo pola súa terra facendo referencias continúas a ducias de momentos vividos cos seus veciños.
Todxs elxs son MazaricosXa no ecuador da gala, poideron verse o vídeo largo dos nenos (que arrancou un feixe de risas) e o vídeo adicado á muller que fixo saltar as lágrimas de máis de un.
Ía achegándose o final cando Federico daba paso ó alcalde Juan Blanco, que mostrou o seu agradecemento e o seu orgullo polo traballo da asociación. Recordou os inicios da asociación nun marco económico e social difícil e citaba que este movemento era xa algo imparable e imborrable para a memoria de todos. Mención especial recibiu Janet Martínez, a cal, el mesmo lle entregou un pequeno agasallo que é un cadro cunha caricatura dela simulando unha súper heroína pola súa disposición sempre incansable a colaborar sobre todo cando se trata de actividades cos máis pequenos.
O alcalde entrega un cadro a Janet Martínez coa súa caricatura de heroínaTras este momento, Anxela Franco, en representación da Deputación da Coruña, realzou o traballo feito pola Asociación e mostrou o seu orgullo por este tipo de iniciativas e a súa total disposición a colaborar sempre que se lle requirise.
Momento de emocións tamén foi a presentación do vídeo de turismo, xa que era o estreo porque aínda non se publicara nas redes sociais, e é un vídeo que apela o orgullo de todos no percorrido que se fai polos diferentes recunchos de Mazaricos mentres un rapaz arxentino narra porque ven coñecer a terra que viu nacer e medrar a seu avó e que tanta morriña lle causaba.
A encargada de pechar a gala foi Janet. Adicou unhas tenras palabras ó seu equipo agradecendo toda a súa implicación, resaltou o papel das familias apoiándoos a todos eles a seguir nesta dirección, insistiu no feito de que a Asociación é de todos os MZs e para todos están abertas as portas, agradeceu entrañablemente a Juan Blanco o seu incondicional apoio, a Anxela Franco o apoio persoal e institucional e encheuse de orgullo ó pedir a colaboración de todos os nenos presentes para que a acompañasen no escenario na estrea do último vídeo do proxecto. É un vídeo sobre o futuro: como soñan os MZs que sexa Mazaricos no ano 2040. É de resaltar o marabilloso papel de María, unha nena MZ que da vida a alcaldesa dese futuro próspero ó que todos apelan.
A velada rematou cargada de emocións a flor de pel que se compartiron mentres se desfrutaba do convite posterior a gala. Sen dúbida foi unha noite de ilusión e de orgullo, unha noite histórica, xa que quedou sentado un fito que marca unha nova maneira de facer as cousas, de traballar e de mobilizar a todo un pobo para camiñar unindo forzas cara un futuro mellor.
A Esencia de MZ
- O Deporte, clave na esencia de Mazaricos.
- Os nenos, na Esencia de Mazaricos.
- As Asociacións e a Muller, na Esencia de MZ.
- A cultura e os animais, na esencia de MZ.
- MZ en esencia.
Máis novas
- De MZ a Baíñas: Regueifando con Fasido do Ribeiro.
- MZ, Marca Rexistrada.
- A MZ, xa nos mapas peninsular e europeo de turismo de autocaravanas.
- MZ: A Gandeiría como forma de identidade.
- El@s son Mazaricos: “Queremos que a MZ se coñeza en toda Galicia”
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).