Fran Gómez Pallas recoñecido polo Concello e pola Xunta
Xornada de recoñecementos para o noso grandísimo Fran Gómez Pallas, campión do Rally Dakar na categoría Mission 1000 de motos eléctricas á fronte do equipo Arctic Leopard Dakar Galicia Team.
Recoñecemento municipal
O alcalde carballés, Daniel Pérez, mantivo un encontro co piloto carballés. O piloto achegouse á casa do concello para facer entrega ao rexedor dun cadro conmemorativo que recolle algunhas das miles de imaxes captadas durante a competición polo fotógrafo Marco Pombo, tamén veciño de Carballo. Trátase dun agasallo simbólico que resume a intensidade e a espectacularidade dunha das probas máis esixentes do mundo do motor.
Na reunión tamén estiveron presentes o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, gran afeccionado aos deportes de motor, que puxeron en valor o esforzo, a dedicación e o nivel competitivo acadado por Gómez Pallas.
Durante o encontro, o alcalde felicitou ao piloto polo seu logro, e insistiu no orgullo que supón para o municipio contar cun referente deportivo deste nivel. O deportista agradeceu o apoio recibido e compartiu algunhas das experiencias vividas ao longo da competición.
Recoñecimento da Xunta
De igual xeito, esta mañá, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes recibía ao carballés. Diego Calvo recoñeceu o espírito de superación de Fran Gómez Pallas, que, co apoio da Xunta, logrou facerse co Dakar na súa novena participación despois de converterse no 2024 no primeiro español que participou neste rally cunha moto cento por cento eléctrica.

