Venres. 29.03.2024
El tiempo

O MzFolk encheu Mazaricos de tradición e artesanía

Mzfolk 2022-0
O MzFolk encheu Mazaricos de tradición e artesanía

O MZFolk chegou á súa fin este domingo logo de tres días de exaltación e reivindicación da cultura tradicional e rural galega e, moi especialmente, da contorna de Mazaricos. O recinto feiral da Picota acolleu dende a tarde do venres arredor de 30 postos de comercio local e de artesanía, así como actuacións musicais, obradoiros e demostracións en vivo. 
O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, valorou moi positivamente un evento que “consolida a aposta de facer de Mazaricos un referente nos eventos de cultura tradicional durante o verán”. O concelleiro de Promoción Económica, Jorge Sanmartín, avaliou positivamente a capacidade de “dinamizar a economía e promover o comercio de proximidade” do MZFolk, mentres que para Sandra Alvite, edil de Cultura, o evento serviu como “altofalante da nosa cultura tradicional” e supuxo “a posibilidade de volver traer a Mazaricos artistas de altísimo nivel como Mercedes Peón”. 

Mzfolk 2022-8

Completo programa

Na tarde do venres, a Asociación de Amas de Casa El Hórreo de Mazaricos levou a cabo o festival de fin de curso dos seus grupos de música e baile tradicional. O numeroso público gozou das actuacións de As Patronas, Os Galanciños e Fouliada. Posteriormente, houbo unha merenda de balde para todas as persoas asistentes e unha piñata para as e os pequenos da casa. 

O sábado pola mañá, a Asociación Cultural Abubela levou a cabo unha mostra do labor tradicional de malla do trigo, cunha demostración dos apeiros e utensilios necesarios neste labor tradicional na agricultura histórica galega. A mediodía, o Asador Manduca ofreceu unha degustación de carne de Mazaricos, conquistando ao público co sabor dos seus chuletóns. 
Xa pola tarde, ademais das demostracións en vivo a cargo de Trenzarte, as palilleiras de Camariñas e Cestería Viqueira de Ordes, tiveron lugar os obradoiros de trenzado de palla, de arte en barro e de pintura con Trenzarte, Feituras Buño e Como pez en el agua. Estes talleres congregaron a moitas persoas interesadas en deixar voar a imaxinación e pór a proba a súa habilidade. 

Mzfolk 2022-Mercedes Peon
Mercedes Peón

Tanto o sábado como o domingo foron comúns os momentos de música en vivo por parte de veciñas e veciños cos seus instrumentos. O sábado á noite, Mercedes Peón namorou o público co seu espectáculo ‘Déixaas’, onde sen perder a raíz tradicional galega incorporou sons internacionais e mesmo hibridacións con sons e xéneros urbanos. 

Xa o domingo, a Charanga Mekánika amenizou o mediodía co seu completo espectáculo no que o público se integra como un actor máis, diluíndo a liña entre concerto e festa. Durante toda a tarde, as nenas e nenos puideron gozar de inchables e de xogos tradicionais. 
A última hora da tarde sorteáronse tres xamóns entre as persoas que depositaron a súa rifa do MZFolk na urna habilitada. As rifas repartíanse nos postos de comercio e artesanía e nas tendas de Mazaricos durante as semanas previas. 


 

Comentarios