Sábado. 20.04.2024
El tiempo

"Na semana gandeira de Mazaricos participamos todos"

"Na semana gandeira de Mazaricos participamos todos"
As redes sociais xa deixan ulir algo da gran campaña que están organizando en Mazaricos. Videos promocionais, concursos, xornadas, campionato de ordeños, visitas de escolares a explotacións gandeiras, poxa de xuvencas,... son algunhas das accións que se enmarcan dentro da Semana Gandeira de Mazaricos que comezará o vindeiro luns, 23 de novembro, e remata o domingo 29. Sete días nos que Mazaricos se convertirá nun referente do sector gandeiro. "Nesta edición démoslle un enfoque diferente á Semana Gandeira involucrando na organización a todos os veciños de Mazaricos", asegura Juan José Blanco, alcalde de Mazaricos. Recentemente, creáronse na vila dúas asociacións con ideas novas e moita forza para traballar como son a Asociación de Gandeiros e Eu Son Mazaricos que son as encargadas de dinamizar as distintas actividades programas para a vindeira semana. Semana-Gandeira-concurso-Fotografia Ainda que unha boa parte das actividades terán lugar na Picota tamén se realizarán accións por distintos puntos do municipio. Así ao longo da semana, os escolares da contorna visitarán varias explotacións gandeiras situadas nas distintas parroquias do concello. O alumnado terá tamén a oportunidade de achegarse á principal actividade de Mazaricos, o sector gandeiro, cun concurso de debuxo no que se repartirán tres premios por un importe de 150€, 100€ e 50€. Outra das actividades que xa está en marcha é un divertido concurso de fotografía coordinado pola asociación Eu Son Mazaricos no que os participantes deberán enviar a través de Whatsapp unha imaxe relacionada coa gandeiría. Actividades da fin de semana Xa durante a fin de semana, 28 e 29 de novembro, as actividades que se enmarcan dentro da Semana Gandeira ábrense ao resto do público. Así, o sábado desenvolveranse as “Xornadas técnicas do sector lácteo” nas que se contará coa presenza da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. Ademais desta haberá outras citas cun carácter máis lúdico, tales como actividades de entretemento ou a entrega dos premios dos concursos de debuxo e de fotografía. Todas elas terán lugar no pavillón municipal da Picota e será alí onde se leve a cabo durante a tarde un campionato de muxido. A parte musical virá da man do grupo De Vacas, que ofrecerá un concerto a partir das cinco da tarde. Poxa de Xovencas e unha das citas mais agardadas da Semana Gandeira A Poxa de Xovencas e unha das citas mais agardadas da Semana Gandeira O domingo, a Semana Gandeira chegará ao seu fin cunha “Poxa de xovencas de raza frisona” e cun sorteo de máis de 1.500€ en premios para o que se repartirán rifas de forma grauita entre todos os asistentes. No pavillón estarán instalados varios stands de comercios de Mazaricos que están relacionados de forma directa e indirecta coa gandeiría, xa que "o 90% da actividade económica do municipio pertence a este sector", asegura Juan José Blanco. Dende a organización da Semana Gandeira, encabezada polo concello de Mazaricos, a Asociación de Gandeiros e a Asociación Eu Son Mazaricos, indican que con estas actividades se pretende abrir as xornadas a todos os públicos e converter a Mazaricos como un referente a nivel comarcal no sector gandeiro. "Este tipo de xornadas xunto co nacemento de dúas novas asocacións aumentan o noso sentimento de pertenza a Mazaricos e axudan a que estemos orgullosos de ser de aquí", asegura o alcalde.   Máis información Novas relacionadas   Fonte   

Comentarios