Venres. 19.04.2024
El tiempo

O novo gran Grupo Lácteo Galego?

O novo gran Grupo Lácteo Galego?
integracion-cooperativa-presidentes-Foto-Campo Galego Sinatura do convenio das 4 cooperativas leiteras galegas-Foto-Campo Galego

Que unirse é a única posibilidade de salvación para o sector lácteo galego, parece que o teñen claro todos os gandeiros do país. Entre eles, os da Costa da Morte, e por iso a Cooperativa Xallas, de Santa Comba, e a nicrariense e con alta presencia en terras xalleiras, Feiraco, están directamente involucradas na creación dun “grupo de referencia no sector lácteo galego”. Un grupo que comezará a operar dende o 1 de xaneiro de 2017, “co fin gañar volume e conseguir unha maior eficiencia coa integración de servizos e o abaratamento de custos, no marco dun mercado de leite marcado pola volatilidade de prezos”.

Ademais de Feiraco (que preside José Montes) e Xallas (que preside José Manuel Castro), Os Irmandiños e Melisanto completan esta integración que ten como finalidade inicial “abaratar custes”, pero que tamén ten en mente ir absorvendo cooperativas do país para poder convertirse nun ente de poder, nunha especie “lobby” do leite galego.

Ou alomenos é o que deixaron entrever os membros do novo grupo á prensa, volcada ante as accións da industrias galegas. Pero a realidade di que o camiño aínda parece moi lonxano pois o volume de recollida deste novo grupo aínda é pequeno, e non conta coas principais industrias do país.

Diversas fontes do sector gandeiro non aliñado cos grupos implicados, a idea parece moi boa: “Todo o que sexa unión é bo, de feito, só para abaratar os gastos gasoil xa é positivo, pero aspirar a convertirse nun “Grupo Lácteo” é unha quimera se non contan coas principiais industrias do país”, sinalan.

Polo de pronto, os socios das 4 cooperativas aínda teñen a palabra, e o vindeiro 31 de outubro, en sendas asembleas, terán que ratificar o acordo.

As contas que non dan

Segundo as cifras que presentou o grupo, o grupo unirá máis de 4.000 gandeiros e permitirá manter os máis de 400 traballadores, cun volume de produción de 410 millóns de litros, o 20% do total do leite producido en Galicia. Unha cifra, a do 20% que sacan da produción total dos gandeiros das 4 cooperativas, pero a realidade é que non todas as cooperativas recollen leite.

Galicia produce 7 millóns de litros de leite diarios, e entre Feiraco e Melisanto non chegan ao medio millón de litros recollidos, xa que nin Irmandiños nin Xallas recollen leite e os seus gandeiros teñen liberdade para vender a quen queira. De feito, moitos venden a Lactalis ou Celta, e non parece claro que vaian cambiar cando Celta está pagando en moitos casos 2 céntimos máis por litro que Feiraco.

Deses 7 millóns, case 800.000 litros diarios, o doble do que recolle este novo grupo, o recolle Leite Río, o máis grande de Galicia. E malia que as relacións con Jesús Lence (presidente de Río) son sempre complicadas, un verdadeiro grupo de poder tería que contar con el.

Outro dato importante é que case 1 millón de litros véndense a primeiros compradores sen industria (intermediarios que non transforman como Lácteos Deza, Tambre, Lácteos Pérez…) Ese 15% escápase do control das industrias.

Hai máis números que non encaixan, pois salvo Xallas que está saneada, as outras 3 cooperativas teñen débedas. “Se xuntas 3 cadáveres, revives aos 3 ou tes un cadáver mais grande?”, pregúntanse dende o lado crítico.

E xentes do sector tamén se prantexan que vai suceder coa dualidade de funcións cando se poña en marcha o grupo. Que vai pasar cos prezos actuais da tenda agrícola de Santa Comba e a nova que vai abrir Feiraco? Ou que vai pasar cos prezos do gasoil entre unhas e outras propostas? Van baixar para uns e subir para outros?

Vellos temores "políticos"

Do mesmo xeito, no sector botan a ollada atrás e vinculan este proxecto ao que pasou con Alimentos Lácteos, o proxecto estrella da Xunta en 2009, con case 5 millóns de euros en axudas, e que leva anos agonizando.

Lembran tamén os tempos nos que o sector se uníu para recuperar Clesa. Feijoo declaraba que era un antes e un despois para o sector lácteo galego, e xa vemos a día de hoxe como está Clesa. Unha situación semellante a hai 20 anos, cando o sector deixou marchar marcas tan nosas como Larsa ou Leyma, agora en mans alleas.

Agora, e tendo en conta a vinculación coa política, xorden novos rumores no sector, sabendo que a Conselleira de Medio Rural e ex alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, é a muller do Secretario de Melisanto.

Unha situación moi difícil

Resulta a día de hoxe tremendamente difícil unir o sector lácteo galego nun ente común cando as dúas empresas que máis leite recollen son de fóra. A realidade é que 2 de cada 3 litros galego acaban en mans non galegas.

O caso máis claro é o da francesa Lactalis (con marcas como Puleva ou President), unha das industrias máis criticadas polos gandeiros galegos polos seus baixos prezos, recolle 1,5 millóns de litros diarios en Galicia, e ten moito poder. Se non sube o prezo Lactalis, o resto non o van facer. Algo semellante acontece con Celta, portuguesa de Lactogal, que recolle arredor de 1,1 millón litros diarios (todas estas son cifras non oficiais que non publican as empresas) e que emprega na súa fábrica de Pontedeume.
Outro caso é o de Nestlé, produce todo o seu leite condensado en Pontevedra, con leite galego que merca a primeiros compradores, pero os cartos seguen indo para Suiza.

Así, un grupo que non conta coa principal industria de Galicia, nun marco onde 2 de cada 3 litros non queda en propiedade galega, como é posible crear un “Lobby Lácteo Galego”? Mentres non haia un verdadeiro proxecto industrial para comercializar o noso leite, a cousa vai estar moi complicada.

 

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios