O último carro de vacas de Mazaricos

09:14 28/07/18

“Era aquel o porvir que xa soa e das probes aldeas fai vilas… Adiós cantos e musas tranquilas! O imperio da industria empezou”
Curros Enríquez máis novo, máis vitalista e con talante moito máis progresista, non dubidaba que por onde pasaba a locomotora “fecunda os terreos,/ espertan os homes,/ florecen os eidos.” Para remachar, moi no seu estilo, dunha forma totalmente heterodoxa, proclamando que “a máquina é o Cristo dos tempos modernos.” Isto que dicía Curros no ano 1880 para celebrar a chegada da primeira locomotora á cidade de Ourense, foi toda unha premonición: estamos rodeados de máquinas e as nosas vidas atópanse tan mediatizadas polas mesmas, que xa é difícil saber se nós as controlamos ou son elas as que dominan a nosa existencia. Pese a todas estas melloras a vida neste tecnolóxico século XXI non parece máis feliz e satisfactoria que en tempos pretéritos: temos máis cousas, máis necesidades e tamén bastantes máis incertezas. Esta situación xa no la adiantou Rosalía de Castro hai cento trinta anos:“Luz e progreso en todas partes… pero as dudas nos corazós, e báguas que un non sabe por qué corren, e dores que un non sabe por qué son”
Quizais por iso o noso veciño José Lado Martínez da casa do Caetano de Vilar de Coiro, segue practicando unha agricultura baseada no autoconsumo e totalmente allea á orientación comercial leiteira que dende os anos setenta vertebra as nosas producións agropecuarias. O noso protagonista continúa mantendo un estreito diálogo coa terra no que en vez de facer uso, coma a totalidade dos seus veciños, dun sistema de explotación que poderíamos chamar industrial, segue mantendo vivas unhas formas de operar, basicamente artesanais, onde a produtividade, máis alá dos clásicos criterios de rendibilidade capitalista, se axeita ás necesidades dun vivir sinxelo, con poucas cargas familiares, sen renovación xeracional e sen ambicionar novos investimentos. Nesta situación é aínda viable a utilización das cortes estradas con mato para gardar os animais, das vacas como forza de traballo, do carro do país como medio de transporte, do arado de pau para labrar a terra ou do esterco como fertilizante; por citar algúns dos sinais de identidade da nosa agricultura preindustrial e que están presentes nesta explotación de Vilar de Coiro. O sector agrícola e gandeiro, base fundamental da economía mazaricá, logrou nas últimas décadas, como xa viñemos dicindo, un forte desenvolvemento que colocou a este Concello entre os máis punteiros de Galicia. Aínda que esta explotación de Vilar de Coiro alimente en nós a lembranza sentimental de tempos pretéritos, estamos moi lonxe de propor este caso como un exemplo a seguir polo resto dos nosos produtores agrarios, por moi forte que sexa a crise que padece este importante colectivo. Agora ben, non estaría mal aproveitar esta mostra viva dun pasado non tan afastado para crear algo así coma un parque temático, tan de moda nestes tempos, onde os obxectos que conformaron unha boa parte do noso imaxinario colectivo, teñan cabida de forma material e actuante, e onde as palabras coas que se designaba aquel mundo, atopen tamén un lugar e non teñamos que buscalas unicamente nas páxinas dalgúns esquecidos dicionarios.

Pero agora quedémonos co noso home e o carro particular, quedémonos con José Lado e a súa resistencia heroica a abandonar o seu carro, e lembremos, xa para rematar, aqueles fermosos versos de Ramón Cabanillas que lle acaen moi ao xeito:
“Hoxe corredoira abaixo, mañán corredoira arriba, mentras ti dures e eu viva teremos un camiñar. E cando ti xa apodrezas e eu dé o laio derradeiro, ¡que fagan do teu chedeiro, a caixa para me enterrar!”
Documental “O home e o carro”
- Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo
- O CAP Finisterre: Un Transatlántico que facía a ruta das Américas nos tempos das grandes migracións
- O Alalá de Mazaricos nunha gravación histórica de 1928.
- A Ponte da Olveira: Unha recuperación necesaria.
- No tempo das vodas: Un contrato de dote do ano 1715.
- Dos toxos que visten de ouro os nosos montes e da súa importancia na agricultura tradicional.
- Unha pequena historia do servizo de Correos na Costa da Morte ata finais do século XIX.
- O Camiño pasa por Mazaricos.
- O proceso de creación dos concellos actuais. Algúns exemplos da Costa da Morte.
- Un muíño na escola.
- Na Feira das Bestas de Mazaricos.
- A creación da Casa do Concello de Mazaricos.
- O Cruceiro do Sicho dos Outeiros:
- Recuperando as casas máis antigas de Mazaricos.
- Suso Jurjo recupera a Marqueta, un xogo popular de Mazaricos.
- O carballo do Adro de San Cosme de Antes.
- Esta si que é muiñada… no Muíño da Chanca, Asenso.
- Unha viaxe histórica ao Entruido de Mazaricos.
- Francisco Suárez Salgado, un mazaricán ao servizo do rexionalismo tradionalista.
- De carballos e de carballeiras.
- 1965: Mazaricáns en Hannover.
- A Asociación de Amas de Casa: 25 anos ao servizo das mulleres e do Concello de Mazaricos.
- Unha corredoira do lugar de Campelo.
- O Cruceiro do Ciroláns de Suevos.
- As dúas fundacións da Picota: A Taberna Vella e os Riolos de Carnota.
- 2006: Mazaricos, A “Serna” da Galicia Eterna:
- A patria é a terra e mais os mortos.
- A nova misa do Cura de Ghirra no Mazaricos de 1965.
- Os Mariño de Lobeira e o gando bravo dos montes da Ruña e do Pedregal do Pindo no século XVI.
- A situación dos hórreos nos rueiros aldeáns de Mazaricos.
- Houbo suevos en Suevos?.
- As mallas da miña infancia. Golpe na eira que hai malladeira.
- O antes e o agora do primeiro coche do Riolo.
- Os 15 votantes nas eleccións ás Cortes no Mazaricos de 1836
- As Feiras da Picota nos anos 50.
- O Cine Vello da Picota.
- Segando en Mazaricos aló polo século XVIII.
- Máximo e Aureliano: os primeiros mazaricáns de nome coñecido.
- Un paxaro para Mazaricos: A voltas coa orixe do nome do Concello.
- A historia da construción da Casa Consistorial de Mazaricos.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC.