Venres. 19.04.2024
El tiempo

Outra vez a voltas Aghinaldeiros de Busto

Os aghinaldeiros de Busto na Feira de Bainas arredor de 1964
Os Aghinaldeiros de Busto na Feira de Baíñas arredor de 1964
Outra vez a voltas Aghinaldeiros de Busto

“Cerca de la medía noche
la Virgen parir quería,
tanta era su pobreza
que un pañuelo no tenía.
Bajó un ángel del cielo
que ricos paños traía,
unos eran de Holanda,
otros de Holanda más fina”

Estamos no tempo de escribir sobre o Entruido, pero como dese tema teño tratado con amplitude en anos anteriores, desta vez vou recuncar e seguir coas lembranzas arredor dun costume parecido ao carnaval nalgúns trazos e que xa encetei haberá un mes: os aghinaldos e os aghinaldeiros de Busto.

Sen intención de repetir o xa dito, unicamente recordar que ata os primeiros anos sesenta do século pasado, entre Noiteboa e Reis, a mocidade ía polas portas, polas tabernas e polas feiras interpretando cantareas relacionadas co nacemento de Xesús para divertimento da veciñanza e, de paso, recadar algún carto co que armaban unha festa ao remate do Nadal, de maneira similar ao que facían os entruideiros.

Na fotografía coa que ilustramos a entrega anterior sobre este mesmo tema, os aghinaldeiros para facerlle fronte a un día de frío e de chuvia ían moi abrigados con chaquetas, gabáns, botas, zapatóns, bufandas, gorras para cubrir a cabeza e paraugas. A pesar deste contundente equipamento, polo aspecto todo enlamado que presentaban os baixos da roupa e o calzado, todo foi pouco para sortear as pozas dos camiños e das corredoiras. Mais na imaxe que traemos hoxe, tamén sacada na Feira de Baíñas arredor do ano 1964, o día está enxoito e ata parece que loce o sol. Con estas condicións os nosos protagonistas, como se recibiran eles tamén un agasallo dun anxo baixado do ceo a semellanza do que ocorre nos versos con que introducimos este texto, aparecen todos de bonito: a maioría de traxe, garabata e zapato baixo. O fragmento rimado ao que facíamos alusión forma parte dunha composición maior que se cantaba polo Nadal e, entre outras referencias, lémbranos a sona que dende antigo tiñan os tecidos elaborados nos Países Baixos, actuais Bélxica e Holanda, daquela coñecidos indistintamente como panos de Flandres ou de Holanda.

Deixando a un lado a posibilidade dun incrible agasallo anxélico, temos que poñer os pés na terra firme como fixo o noso grupo de mozos para emprender a viaxe á Feira de Baíñas naquel indeterminado día de finais de decembro ou principios de xaneiro. Dende Busto o camiño máis acostumado era coller cara O Couquiño, atravesar o río Xallas por uns pasais que tamén empregaban os veciños deste último lughar para comunicarse con Olveira, a cabeza da parroquia á que pertencían. Dende Olveira seguían pola Rebouta, Vilar, Reghoelle, Manlle, Santa Comba e Baíñas. Cando o Xallas baixaba con moito caudal e os pasais mencionados quedaban asolagados, cruzaban o río pola Ponteolveira, continuaban con dirección á Boudañeira e de alí a Olveira, onde proseguían o itinerario que sinalamos máis arriba. Seguramente, á ida ou á volta, pararían nas aldeas polas que pasaban para cantar os aghinaldos e así rendibilizar o esforzo da camiñada incrementando os ingresos das xornada.

Pero volvamos a Baíñas. Entre actuación e actuación tiveron tempo para sacar a fotografía que acompaña este texto. Ademais da roupa de garda á que fixemos referencia, non faltan as pandeiretas para amenizar as cantigas, nin tampouco unha gaita para chamar polo público e dar comezo á representación. Nesta ocasión, quizais porque o día estaba bo, o grupo é máis numeroso: formando un coro de once voces acompañadas por unha gaita. De esquerda a dereita temos a Francisco do Estevo, Domingos do Roqueiro, detrás deste último atópase Manolo do Bicoque. Continúa con Xacobe do Chareno, Manolo do Calleghas, Antonio de Ramiro, Xacobe da Vioxa, Pepe do Chareno, José e Manolo do Carpinteiro; rematando na marxe dereita con Manolo do Chareno. Diante, aniñado e coa gaita está José do Paquete de Lagho, o único da recua que non era de Busto.

Este artigo no sería posible sen a inestimable axuda de Pepe do Enrique de Busto (naquel tempo do Chareno do mesmo lughar) que, ademais de deixarme esta foto tan enchoupada de lembranzas, me informou daqueles costumes hoxe perdidos se cadra para sempre.

O coro de cegos que forma parte dos Entruideiros de Arcos que nestes días percorren os camiños de Mazaricos, despide cada unha das actuacións cunha cantarea que tomou prestada dos aghinaldeiros. Eu hoxe tamén lle quero poñer remate a estas liñas con esa mesma composición:

“Adiós novos, adiós vellos,
adiós rapaces pequenos,
dádenolo aghinaldo
que ata o ano non volvemos”

 
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.

 

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

Comentarios