Domingo. 20.10.2019
El tiempo

O Hórreo de Cuns de Cuíña, quizais o exemplar de construción máis perfecto de Mazaricos

A estampa frontal do hórreo de Cuns de Cuíña déixanos ver o equilibrio de todo o conxunto e a espida depuración da súa materialización
A estampa frontal do hórreo de Cuns de Cuíña déixanos ver o equilibrio de todo o conxunto e a espida depuración da súa materialización
O Hórreo de Cuns de Cuíña, quizais o exemplar de construción máis perfecto de Mazaricos

En ocasións anteriores dende este mesmo xornal teño tratado algúns aspectos construtivos dos hórreos ofrecendo exemplos da variada e abondosa nómina que aínda conservamos no noso Concello. Afondando neste tema, hoxe con estas liñas, pretendo poñer en valor unha cabaceira que quizais sexa o exemplar de feitura máis depurada, de acabados máis requintados, en resumo, de construción máis perfecta de cantas temos en Mazaricos: o hórreo da casa de CUNS do lughar de Cuíña (Eirón). 

Antes de centrar a nosa visión nesta importante mostra temos que encadrala dentro da tipoloxía á que pertence. Os hórreos de Mazaricos inclúense na zona fisterrá onde estas construcións se caracterizan, basicamente, pola súa realización enteiramente en pedra, e que xa foron tratadas moi polo miúdo por XOSÉ MARÍA LEMA SUÁREZ en diversas publicacións das que podemos subliñar: O hórreo atlántico ou fisterrán" (SEMESCOM 2010).

No ano 2007 nun número monográfico da REVISTA DA FERVENZA dedicado aos hórreos do noso axuntamento clasifiquei o amplo catálogo de cabaceiras que posuímos en dous grupos: os hórreos vellos e os novos. Neste agrupamento, máis alá dunha cuestión cronolóxica, que non era absolutamente capital; entraban, sobre todo, elementos de calidade material e construtiva. As cabaceiras vellas están realizadas dunha maneira máis rústica, case sempre con cachotes. Pola contra, as novas empregan cantería tallada con grande finura e precisión. Esta diferenza estaba provocada pola mellora xeneralizada que nos primeiros anos do século XX supuxeron as remesas de diñeiro da emigración e a creación dunha importante rede de comercialización gandeira que lle permitiu aos labregos uns maiores investimentos nas súas explotacións. Neste sentido liquidáronse os foros, introducíronse sementes máis axeitadas ao noso territorio e mellorouse a raza autóctona de gando vacún. O que derivou nunhas abondosas colleitas e na necesidade de renovar e ampliar as vellas estruturas construtivas, tanto de almacenamento coma de habitación. Aínda que esta periodización é bastante axustada á realidade, tampouco a podemos seguir de maneira estrita: detrás deste proceso hai unha cuestión económica. Antes dos cambios fundamentais que citamos anteriormente, xa había casas con posibles que puideron construír os seus hórreos da maneira máis esmerada, onde o de Santa Comba de Carnota era un exemplo , relativamente antigo, a seguir en toda a comarca. Dáse tamén o caso contrario: as melloras non afectaron a todos por igual e moitos continuaron erguendo as súas cabaceiras coa máis accesible rusticidade dos tempos anteriores.
Cando, na revista que citei anteriormente, realicei a descrición dos hórreos novos tiña na cabeza, máis que ningún outro, o da casa de Cuns de Cuíña, no que vía reunidas tódalas características que distinguen este grupo fundamental do noso patrimonio.

Manuel Blanco Pose Manolo de Cuns de Cuina Horreo Mazaricos
O señor Manuel Blanco Ponte (Manolo da casa de Cuns de Cuíña), principal artífice dun dos mellores hórreos de Mazaricos

Detrás da materialización desta obra da nosa arquitectura popular estivo o seu dono: MAMUEL BLANCO PONTE (1923 – 2010). Un home orixinario de Pesaduira que dende ben novo aprendeu o oficio de canteiro. Con dezaseis anos xa realizaba obras importantes o que o animou a formar unha cuadrilla, dirixida por el, duns dezaoito operarios. Ata que, con vinte e tres anos, contraia matrimonio con DOLORES OROÑA CUNS, erguerá moitas paredes en todo tipo de construcións polas comarcas de Xallas e Barcala. Despois de tomar estado traslada a súa residencia para a vivenda e o lughar da súa muller: Cuíña. O feito de incorporarse a unha casa de bo labrador na que tódolos brazos facían falla para que a explotación producira axeitadamente, decidiuno a deixar o oficio, recuperándoo unicamente para realizar aqueles traballos de cantería que precisaba a súa nova familia.

Entre as múltiples obras que fixo ao longo da súa vida de casado, sobresae o hórreo que hoxe nos ocupa. Empezouno a principios da década dos cincuenta e contou cun inesperado axudante. Un bo día, xa coa construción iniciada, chegou pola súa porta un home pedindo esmola. O señor Manolo preguntoulle se sabía facer algún traballo, ao que aquel lle respondeu que tiña certos coñecementos de canteiro. O noso protagonista facilitoulle un perpiaño e díxolle que tallara o pé dun hórreo seguindo o modelo dalgún dos que xa tiña feito. O descoñecido mendicante púxose ao choio e o resultado debeu convencer ao patrón porque lle ofreceu xornal, cama e comida ata que lle puxeran o ramo á obra. Resulta que o improvisado operario era de Santa Uxía de Ribeira e tiña o mesmo nome que o seu benfeitor, é dicir, Manolo. Entre os dous, sempre baixo a sabia e experimentada dirección do señor Blanco, ergueron o hórreo, rematándoo no ano 1953. 

O resultado do seu esforzo, como xa dixemos, é unha cabaceira onde tódolos elementos que a compoñen foron realizados cunha pulcritude e unha corrección absolutamente sistemáticas. Tódalas pezas corresponden a un patrón de altísima calidade construtiva e estética.Un dos pinchóns no que resalta, dende os pés ata a cruz con coroa, a perfecta labra de cada una das pezas e o axustado “envainado” que logran entre todas

Estamos diante dun hórreo relativamente longo, con cinco pontes bastante espazadas e catorce pés. Situado sobre unha repisa que o sobreeleva airosamente do chan. Os pés lixeiramente troncocónicos, as capas seguen o mesmo modelo, agás na zona na que apoia a cámara de almacenamento onde non se produce o correspondente rebaixe. O corpo no que se gardan as espigas está perforado por dúas portas ás que se accede dende unha dobre capa de base rectangular e sen rebaixe. Estas capas diferentes en estrutura, tamaño e acabados ás restantes da construción, debido á súa maior lonxitude apoian sobre dous pés cada unha delas; aportando unha moi salientable singularidade a un hórreo sobranceiro por moitos motivos. Se nas cabaceiras vellas as pontes desaparecían dos pinchóns deixando á vista a simplicidade do chan da cámara; agora percorren todo o perímetro da construción, constituíndo un axustado “envainado” ao que contribúen os paramentos con doelas de corte preciso; os ventos disciplinadamente regularizados; os marcos das portas coidadosamente labrados; as molduradas e adiantadas cornixas; os tímpanos cos que rematan os pinchóns e as sobrepenas formando unha soa peza, os cepos, a cruz e o aghuillón; todo dunha execución primorosa.

En resumo: a perfecta simetría dos seus volumes, o axustado xogo de liñas de fuga creando perspectivas de airosa monumentalidade; o impecable escuadre dos seus ángulos; a óptima fusión de tódolos planos; o seu carácter exento e liberado de calquera outro edificio que lle faga sombra; a harmónica mensuración entre o alto, o ancho e o longo; o acadrado equilibrio entre os volumes macizos da repisa e da cámara de almacenamento, e o bacío activo do oco que forma a “grade”; a disciplinada formación das “firghas” de ventilación; o exacto despece de tódolos elementos e a coidada talla de cada un deles; e a esbelteza de todo o conxunto espido de manierismos, de barroquismos; sitúannos na presenza dun sólido maxistralmente cristalizado cun forte sentido escultural.

Na xa varias veces citada Revista da Fervenza, escribindo sobre as cabaceiras en xeral, pero pensando sobre todo nas que denominei “novas”, dicía que eran unhas creacións dunha abstracción e dunha esencialidade cumpridamente acabadas. Non habendo na nosa arquitectura popular ningunhas construcións tan axeitadamente deseñadas e tan impecablemente materializadas; máis que obras de artesáns parecen entelequias emanadas dun diálogo platónico. A unión perfecta entre forma e función, entre significado e significante; fixo do hórreo un símbolo, un emblema, unha icona da nosa terra; recoñecible e identificable en calquera parte do mundo. Todo isto podémosllo aplicar, sen temor a equivocarnos, ao hórreo da casa de Cuns de Cuíña.

Teño que manifestar o meu agradecemento ao fillo do señor Manolo, GERMÁN BLANCO OROÑA, que amablemente me facilitou parte da información que hoxe comparto con todos.Tampouco podo esquecer a XOSÉ RAMÓN ESPERANTE OTERO, o autor das fotos que ilustran este artigo.

  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.

 

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

Comentarios