Luns. 28.09.2020
El tiempo

Os aghinaldeiros de Busto a principio dos anos sesenta

Os aghinaldeiros de Busto están presentes no calendario 2020 de Mazaricos
Os aghinaldeiros de Busto están presentes no calendario 2020 de Mazaricos
Os aghinaldeiros de Busto a principio dos anos sesenta

“Señora ama da casa
mándenos o aghinaldo
á porta pola rapaza;
e mándenolo de repente
que somos rapaces novos
e perdemos a semente”

                             Popular  


O Concello vén de editar un calendario do presente ano no que figuran seis fotografías do Mazaricos doutros tempos. Tres das imaxes xa foron longamente comentadas con anterioridade. Da outra metade espero ofrecer algúns datos hoxe e en vindeiros días. 

Como acabamos de deixar atrás o Nadal e as súas celebracións festivas, imos comezar pola foto que ilustra estas palabras, moi relacionada cos costumes que vivían os nosos antepasados en tales datas.

A cantiga erótico-festiva que encabeza estas liñas, conxuntamente con outras moitas de tema moito máis sacro e ortodoxo, centradas no nacemento de Xesús, eran interpretadas pola mocidade entre Noiteboa e Reis. Ata os primeiros anos sesenta do século pasado ían polas portas, polas tabernas e polas feiras para divertir á veciñanza e, de paso, recadar algún carto co que facían unha festa ao remate do Nadal, de maneira semellante ao que acontecía co Entruido. 

As cantareas que se entoaban relacionábanse tematicamente co Nacemento do Neno, a Matanza dos Inocentes, a Fuxida a Exipto, o cambio de ano e a Adoración dos Reis Magos; distribuíndose ao longo das dúas semanas que duraba o período navideño segundo mellor se axeitaran a cada unha das celebracións que conmemoraban o natalicio do Señor. As saídas máis sonadas, e con nome propio, eran OS NADALES e OS REISES que se cantaban arredor de Noiteboa e nos días inmediatos á Adoración dos Magos respectivamente. 

Normalmente as composicións rimadas cantábanse con acompañamento de pandeiretas. As gaitas, aínda que menos habituais, eran moi adecuadas cando actuaban en lugares de moita concorrencia, coma as feiras, para facer unha introdución unicamente instrumental que lograra congregar ao seu redor unha boa cantidade de xente. Despois desta chamada de atención comezaban coas cantareas e as pandeiretas a parte principal do espectáculo que requiría unha atención relativamente silenciosa por parte do público para que puidera ouvir e comprender os prodixios  dos diferentes cantares que interpretaba o grupo de aghinaldeiros. Ao principio era costume pedir licenza para empezar a función:

“De lonxe viñemos
os que aquí chegamos,
se nos dan licencia
os Reises cantamos”

A continuación desenvolvían o groso do programa que podía tratar sobre calquera dos temas que enumeramos máis arriba. Como exemplo deixamos aquí as dúas primeiras estrofas dunha composición máis longa recollida en Mazaricos pola etno-musicóloga DOROTHÉ SCHUBARTH en 1978:

A noitiña de Nadal, 
noite de grande alegría,
naceu un reiciño novo
fillo da Virxe María.

Camiñando vai José, 
camiñando vai María,
camiñan para Belén
a fin de chegar con día
(…)

Rematando con coplas nas que solicitaban o aghinaldo, é dicir, a colaboración en cartos ou en especie da concorrencia. A composición coa que abrimos estas liñas pode ser unha boa mostra deste tipo de cantigas, á que podemos engadir a seguinte:

“Os Reises cantamos pedindo o aghinaldo:
chourizos, touciño pra facer o caldo.
Pra facer o caldo, pra facer o caldo:
chourizos, touciño, pedindo o aghinaldo”

E aquí temos o grupo de aghinaldeiros de Busto coas gaitas a soar na feira de Baíñas, chamando pola xente coa atraínte sedución da música. O éxito económico da representación dependía do número de espectadores aos que lograran chegar e da satisfacción dos mesmos coa posta en escena realizada. Un bo resultado en ambos obxectivos traducíase nun doado alixeiramento dos petos dos asistentes e nunha recadación máis substanciosa coa que conseguirían, ao remate do percorrido polos lughares e feiras dos arredores, facer unha festa máis grande e farturenta.  

A mocidade de Busto tiña dende antigo a costume de “correr os aghinaldos”. A saída que reproduce a imaxe quizais fora a última ou unha das últimas que fixeron. Debeu ter lugar alá por 1962 ou 1963 segundo a testemuña de José Fernández Moledo (Pepe de Enrique de Busto), un dos participantes que, ademais de informarnos sobre aquelas afastadas tradicións, nos deixou dúas fotografías que as inmortalizan para poder compartilas con todos, dunha das imaxes trata o presente artigo e da outra escribiremos proximamente. Dende aquí a noso máis  sincero agradecemento pola súa xenerosa colaboración. 

A comparsa festeira está composta de esquerda a dereita polo xa mencionado Pepe de Enrique co paraugas na man e o detalle simpático de poñer a pandeireta de chapeu. Daquela aínda estaba solteiro e pertencía á casa do Chareno do mesmo lughar. Á súa veira atópase Manolo do Carpinteiro facendo soar a gaita coas papunchas infladas e repetindo o divertido xesto de colocar a pandeireta na cabeza. O seguinte na ringleira é Jesús do Estevo que, coa cabeza alta e o sorriso franco, está repenicando na pandeireta. 

Tocando tamén a gaita está o máis alto da manada que non era de Busto. Tratábase de Manolo da casa de Manuel do Condiño do lughar do Ribeiro, na parroquia dos Vaos. Aínda que fora da Pesqueira na mesma freguesía, levaba varios anos casado na devandita casa do Ribeiro. Esta debeu ser a derradeira fotografía na que aparece, xa que non tardaría en falecer nun tráxico accidente de tractor. A morte dunha persoa nova sempre é tremendamente dolorosa, neste caso a maiores de deixar a súa familia sen un membro fundamental, facíao nunha das peores situacións que viviron os veciños dos Vaos en toda a súa historia. A construción do Encoro da Fervenza expulsou a boa parte dos parroquianos fóra das súas casas e das súas terras. Os do Condiño tiveron que afrontar a pescuda dun novo acubillo e o inicio dunha nova vida en Quintáns sen a axuda do seu principal puntal.  

Rematamos a relación de participantes con Maximino do Estevo que en pouco tempo iría de herdeiro para a casa do Creghiño de Vilariño de Beba, na que se casou e na que segue. 
Aquel afastado día no que os nosos protagonistas colleron o camiño da feira de Baíñas para cantar os aghinaldos debía ser frío e chuvioso: as súas prendas de abrigo, os paraugas, e os zapatóns e as botas cheas de lama así o acreditan.  Mais como nos lembran os nosos maiores: daquela a xente tiña “moita humor” e non se deixaba amedrentar por atrancos tan pequenos. 

Estas argalladas cargadas de troula e divertimento que contribuían á celebración do Nacemento de Xesús, foron desterradas dos nosos rueiros pola intensa emigración a Europa que se impuxo por aqueles tempos baldeirando as aldeas de xente nova. A chegada da televisión establecendo novas formas de lecer tampouco axudou a conservar esta milenaria tradición. Tradición que nos devolve esta fermosa fotografía.  

Empezábamos cunha cantiga e queremos rematar con outra, neste caso o erotismo dálle paso ao humor escatolóxico:

“Cantámosche os Reises
do quiquiriquí,
se non nos dás nada
caghámosche aquí”  
         
                   
 

  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.

 

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

 

comentarios