O “pan de Mazaricos” busca a súa marca de calidade
Xa leva anos Mazaricos sacando fachenda do seu pan. O #PanMZ, feito dende a tradición e apoiado na tecnoloxía máis moderna, conta co segredo da fariña de trigo do país, un produto autóctono que lle dá un sabor e unha textura especial.
O Concello quere dar un paso máis e leva traballando durante as últimas semanas en colaboración con varias panaderías do municipio para desenvolver unha identidade comercial para o pan de Mazaricos.
“O noso obxectivo é desenvolver unha imaxe visual común que poña en valor o pan de Mazaricos e contribúa a crear unha ‘marca’ onde se asocie o produto, o pan, co nome da localidade”, explica o edil de Turismo e Promoción Económica, Jorge Sanmartín Rial.
O concelleiro destaca que “conseguimos implicar a boa parte das panaderías mazaricás e xa estamos inmersos no proceso de desenvolvemento da identidade do produto”. Jorge Sanmartín agradece “a colaboración e boa acollida das panaderías de Mazaricos”. Engade que no marco desta campaña cada un dos establecementos participantes recibirá material gráfico personalizado para que poidan facer publicidade do seu negocio. “Ademais xa estamos levando esa ‘marca’ de Pan de Mazaricos aos eventos da contorna, como foi o caso da Feira da Primavera de Santa Comba”, sinala o edil.
Dende o Concello teñen claro que o futuro é o “produtos de proximidade”, como vimos de comprobar despois de toda esta subida de prezos.