A poxa de gando frisón “Memorial José Moreira” pecha este domingo unha nova edición da Semana Gandeira de Mazaricos
Mazaricos atópase inmersa na celebración dunha nova edición da Semana Gandeira. Este evento, un dos principais do sector gandeiro galego, pon en valor o carácter do municipio como principal produtor leiteiro de Galicia. Ao longo desta semana están a celebrarse distintas actividades, como as visitas escolares a granxas ou a Mesa Redonda Virtual “Situación e perspectivas de futuro do sector lácteo”.
Esta fin de semana celébranse as principais actividades, entre as que se inclúe a Gran Sesión Vermuuuu e a Poxa de Gando Frisón “Memorial José Moreira”. O sábado 2 pola mañá abrirase a exposición agraria e de servizos, un punto de encontro profesional que se manterá operativo toda a fin de semana. A partir da unha do mediodía o Trío Alborada amenizará unha espectacular Gran Sesión Vermuuuuu, con cantina xestionada polo Mazaricos C.F.
Pola tarde terán lugar obradoiros infantís e xogos populares como carreiras de sacos e zancos e tiro de corda. Tamén será o momento da cita coa boa mesa, xa que se celebrará o Concurso de Postres Lácteos no que os participantes poden acudir e presentar sobremesas en cuxa elaboración o leite sexa un ingrediente principal. Haberá premios tanto no concurso como nos xogos. No caso do concurso, o primeiro premio será unha cea para seis persoas, e o segundo, para catro. O terceiro premio será unha cea para dous. Todos os premios poderán intercambiarse por vales de comercio local a razón de 25 euros por persoa, de forma que unha cea para catro persoas poida trocarse por vales de compra por valor de 100 euros, por exemplo.
O domingo é o día grande coa celebración a Poxa de Gando Frisón “Memorial José Moreira”, que volverá poñer a Mazaricos no centro do sector de toda Galicia. Venderánse un total de 26 cabezas de gando, xovencas e primeirizas de ganderías de toda a provincia. A poxa arrincará ás 11h e nela sortearanse premios por un valor de 2.000 euros. A poxa volverá destacarse pola grande calidade dos animais á venda e polos importantes prezos alcanzados, xerando un importante volume de negocio.