A Poxa de Xovencas Frisonas de Mazaricos fixo fin a unha Semana Gandeira referente en Europa

A XIV Poxa de Gando Frisón Memorial José Moreira puxo fin a unha completa semana que arrincaba con visitas dos escolares mazaricáns a varias granxas.

Pero cómpre poñer o foco neste evento, polo que pasaron arredor de 2.000 persoas chegadas de toda Galicia. Nas 3 horas de evento, subastáronse 23 animais, sumando unhas cifras aproximadas de 72.000 euros de negocio, cun prezo medio aproximado de 3.150 € por animal. Unha cifra considerablemente máis alta que na última poxa celebrada, a de 2019, onde precisamente eses 3.150€ foi o prezo da vaca máis valiosa, e que pode demostrar dúas cousas: o bo estado de saúde do sector lácteo nestes tempos de bos prezos nos supermercados; ou a escaseza de animais.
A cotización máis alta foi para unha vaca mazaricá: “Nuveira Conguita Husky”, primeiriza da gandería Nuveira, que foi adquirida pola SAT Busto Corzón.
Referente Europeo
Que Mazaricos está a altura, en produción, calidade, e tecnoloxía, de calquera granxa en toda Europa, xa o demostrou o alcalde Juan Blanco. “Somos un concello gandeiro que xa se ten convertido nun referente estatal e europeo”, defendeu o alcalde, quen considerou que “xa pasou o tempo en que aprendiamos doutros, agora marcamos pautas no sector e somos unha referencia na gandería”. Juan Blanco destacou que en Mazaricos “somos un exemplo de concello gandeiro, somos profesionais, dedicámonos ao agro e traballamos polo futuro do rural”.

Para corroboralo tamén estivo a eurodeputada Ana Miranda, destacando o seu traballo a prol do sector en Bruxelas. Miranda salientou a necesidade de apoiar “ás gandeiras e gandeiros do noso país” diante da vindeira Política Agraria Común a partir do mes de xaneiro e “defender en Bruxelas as particularidades do sistema agrario e gandeiro galego, como fixo o alcalde Juan Blanco ante a Comisión Europea”.
Juan Blanco tamén agradeceu o apoio con Mazaricos do conselleiro de Medio Rural, José González, e valorou o feito de que “as administracións traballamos xuntas”,
Sorteo

Varias das entidades presentes na Semana Gandeira quixeron colaborar cedendo material para un sorteo por valor de máis de 2.000 € entre as persoas asistentes á poxa. Deste modo, Aira repartiu un vale de 200 €; Farminn Agrícola, 2 xamóns, e CLUN, 4 lotes de leite. Pola súa banda, Comercial Rodríguez achegou tres lotes de produtos gandeiros e unha fin de semana de balneario, mentres Agrobardullas colaboraba cunha garrafa de selador valorada en 150 euros. UCOGA cedeu un xamón 5J, mentres que Agromaroñas fixo o propio cun lote de licores e unha chaqueta. Arrecoiro sorteou unha paleta ibérica. Por outra banda, entre os compradores dos animais sorteáronse doses de material xenético por un valor de máis de 1.000 €.
Xornada sabatina

Durante o sábado houbo unha interesante mesa redonda sobre o sector, ademais da divertida gran sesión vermuuuu que congregou a ducias de persoas para desfrutar da música da mazaricá Ara Nieto, gañadora do concurso Recantos do programa Luar da TVG, e a Orquestra Principal.
Á tarde, ademais de xogos infantís -inchables, touro mecánico, obradoiros...- tivo lugar a entrega de premios de senllos concursos da Semana Gandeira: o de postres lácteos (onde cada receita debía levar leite entre os ingredientes principais) e o de fotografía sobre a gandería mazaricá. Os gañadores do concurso de fotografía foron Yasmina Farhani Luaces, José Manuel Rodriguez Amado, Rebeca Conde Fontela e Lucía González Pena, que recibiron, respectivamente, o 1º, 2º e 3º premio, así como o premio especial do público.
No tocante ao concurso dos postres, os gañadores foron, por orde, Gloria Antelo cunha torta de queixo ao chocolate, María Luaces Trillo cunha torta de queixo e leite asado, e Juan José Moreira cunha torta de ferrero con nata.
A asociación Trenzarte, de arte en palla, levou a cabo un obradoiro durante a tarde que congregou a moitas e moitos curiosos, á vez que continuaba a mostra agraria e de servizos.
Ruta das Tapas

Como complemento da Semana Gandeira, este ano organizouse tamén para este sábado 3 a Ruta das Tapas de Mazaricos. Nesta edición, onde as persoas participantes poden gañar unha cea por valor de 80 euros votando pola mellor tapa -que se coñecerá a próxima semana-, conformron a ruta sete locais do municipio: o restaurante EFE-EME, Casa Jurjo, a Pizzería Pinocchio, o Asador Manduca, Casa Senra, Casa Pego e o Hotel Rústico Santa Eulalia.
Ver Galería de Imaxes
Novas relacionadas
- Xuño 22: Un domingo de Muuuuuuita Festa para ratificar o idilio de Santa Comba co sector gandeiro:
- Maio 22: Grille constitúe unha comunidade de enerxía renovable pioneira no sector agrogandeiro galego.
- Marzo 22: Poxa de Xovencas de Santa Comba: “Asunción Sound System Agenda” foi adquirida por 2.500 euros.
- Poxa 2019: A Semana Gandeira de Mazaricos volveu situar mazaricos no centro do sector lácteo galego.