Xoves. 25.04.2024
El tiempo

XXIII Festa do Bolo do Pote: Unha edición diferente

Bolo do Pote mazaricos
Bolo do Pote mazaricos
XXIII Festa do Bolo do Pote: Unha edición diferente

A Festa do Bolo do Pote do ano 2020 tivo lugar baixo a ameaza da peste do coronavirus, naquel momento case que descoñecida. Tanto foi así que dúas semanas despois das enchentes de bolo e  carne servidas na carpa instalada na Picota, e dos cocidos con bolo degustados nos distintos establecementos hostaleiros de Mazaricos, decretouse o estado de alarma e o confinamento dunha parte importante da poboación. No 2021 debido á persistencia da pandemia non houbo máis remedio que renunciar á súa celebración e abrir unha paréntese que todos esperábamos fose pequena. Agora no 2022 volve o bolo do pote, mais con algúns cambios.

A situación que vivimos aínda non conta con todas as seguridades: por un lado acabamos de saír do período de contaxios máis intenso de toda esta praga, e polo outro continúa o uso obrigatorio de máscaras nas actividades cunha forte aglomeración de xente. Con estes antecedentes o máis aconsellable era prescindir da degustación gratuíta que se ofrecía no Campo da Feira da Picota, onde o inxente número de persoas que adoitan asistir tiña por forza que, tratándose de comer, prescindir da protección que ofrece a máscara.

Estes condicionantes provocan que na edición deste ano todo o protagonismo recaia sobre os diferentes establecementos hostaleiros de Mazaricos que voluntariamente quixeron participar na festa e servir este vindeiro domingo o tradicional cocido. Un cocido onde as carnes de becerro e de porco guarnecidas de patacas e grelos estarán ao servizo dos ineludibles bolos do pote: a verdadeira estrela deste suculento prato que se atopará complementado polo viño da casa, o postre e o café. Este será o paquete básico, pero os comensais sempre terán a posibilidade de apartarse do menú, substituíndo ou ampliando os seus compoñentes, escollendo entre unha variada oferta: outros viños, outros postres, ou unha interminable ringleira de dixestivos para pórlle o ramo a un xantar de día de festa maior.

Este  esforzo dos bares e restaurantes de Mazaricos esperamos que sexa premiado pola afluencia dunha clientela abundante e ordenada para que se cumpran as restricións que aínda pesan sobre este sector. O mellor e reservar mesa con antelación para que todo se desenvolva da maneira máis axeitada.

Só nos queda manifestar o noso desexo para que no 2023 poidamos celebrar a XXIV Festa do Bolo do Pote nunhas condicións óptimas: sen a ameaza de ningunha pandemia nin a presión dunha guerra inxusta que nestes días nos está estremecendo a todos.

Bolo do Pote 2022-Mazaricos

Comentarios