Martes. 30.04.2024
El tiempo

24 horas en bici de Muros ao Ézaro polo ELA

Reto Agaela por Muros
24 horas en bici de Muros ao Ézaro polo ELA

Este 2 de setembro será un día especial pola contorna de Muros. Chega o Reto AgaelaGalicia, artellado pola organización vasca DalecandELA e que conta coa colaboración do concello muradán.

A entidade, para dar visibilidade a esta enfermidade, achega a Galicia esta iniciativa solidaria cuxa recadación se destina á Asociación Galega de Esclerose Lateral Amitrófica (AGAELA). Os grandes protagonistas serán os membros do grupo ciclista de Bermeo (Bermeoko Ziklistek), entre os que está o muradán Roberto García Lamela, que percorrerá incansablemente o percorrido entre Noia, Outes, Muros, Carnota e Ézaro, en traxectos de ida e volta, sumando máis de 600 quilómetros en 24 horas. Aos euscaldúns sumaránse deportistas dos clubs ciclistas da comarca, entre outros os de Muros e Noia.

O reto comezará en Muros ás 11.00 horas do sábado 2 de setembro e prolongarase ata as 11.00 horas do domingo 3 de setembro, coa chegada tamén ao porto muradán.
¡Nesta localidade tamén haberá un posto solidario de información e venda de artigos promocionais do evento, para que a cidadanía poida apoiar a recadación a favor de AGAELA.

ELA

A Esclerose Lateral Amitrófica (ELA) é unha enfermidade neurodexenerativa na que as neuronas responsables do movemento (neuronas motoras) morren gradualmente e paralizan todos os músculos voluntarios. As persoas que padecen esta patoloxía, para a que aínda non se atopou cura, perden a capacidade de falar, respirar, comer ou moverse por si mesmas, mantendo a súa capacidade intelectual e emocional. A esperanza de vida dunha persoa con ELA é de entre 3 e 5 anos. En España viven 4.000 persoas con ELA, 300 delas en Galicia.

A organización abriu un crowdfunding online no que se poden realizar doazóns voluntarias, dispoñible a través desta ligazón . O obxectivo é recadar 5.000 euros a través desta iniciativa para a Asociación Galega de Esclerose Lateral Amitrófica.

Comentarios