venres. 07.08.2026
El tiempo

O Servizo municipal de Madrugadores de Muros segue medrando

  • As solicitudes poden presentarse do 3 ao 21 de agosto e o servizo será gratuíto para o alumnado dos tres centros educativos do municipio
     
Madrugadores Muros
Maruxa Martínez, Marías Lago e Laura Rivadeneira
O Servizo municipal de Madrugadores de Muros segue medrando

O Concello de Muros abre o prazo de preinscrición para o Servizo Municipal de Madrugadores correspondente ao curso escolar 2026/2027, un programa gratuíto dirixido ao alumnado do CEIP Plurilingüe Ricardo Tobío, CEIP Ramón de Artaza e Malvárez e CEIP Plurilingüe de Louro.

O programa constitúe unha medida de apoio ás familias do municipio, contribuíndo á conciliación da vida persoal, familiar e laboral e promovendo a igualdade de oportunidades. A través deste servizo, o Concello facilita ás familias unha alternativa que permite adaptar os horarios de atención ás necesidades derivadas da organización laboral e familiar.

O prazo para realizar a preinscrición está aberto ata o 21 de agosto.

Un servizo cunha demanda crecente

Desde a súa posta en marcha, o Servizo Municipal de Madrugadores experimentou un incremento continuado da participación, pasando de atender a 34 familias e 49 nenas e nenos no curso 2024/2025 a 49 familias e 66 nenas e nenos no curso 2025/2026.

A evolución da participación evidencia a necesidade deste tipo de recursos para as familias de Muros e a consolidación do programa como un servizo municipal de referencia no ámbito da conciliación.

A concelleira de Ensino, Laura Rivadeneira, sinala que «a consolidación deste servizo demostra a súa utilidade e a resposta que ofrece ás necesidades reais das familias de Muros. O incremento constante do número de persoas usuarias reafirma o compromiso do Concello con políticas que contribúan á conciliación».

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Maruxa Martínez, destaca que «a conciliación é un elemento fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria, facilitando que as responsabilidades de coidado poidan compatibilizarse coa vida laboral e persoal».

As familias interesadas poden consultar as bases e toda a información relativa ao Servizo Municipal de Madrugadores 2026/2027 no taboleiro da Sede Electrónica do Concello de Muros.
 

Comentarios