Xoves. 11.08.2022
El tiempo

Adeus ti, Ponte Nafonso. (Un problema estrutural)

"En la ingeniería civil la seguridad estructural está en lo más profundo
de su identidad, por lo que no puede admitir la caída de un viaducto".
Carlos Nárdiz, enxeñeiro de camiños, canles e portos:
"La caída del viaducto de O Castro" (La Voz de Galicia, 8/6/22).

Obras en Ponte Nafonso, 1918 (revista Vida Gallega)
Obras en Ponte Nafonso, 1918 (revista Vida Gallega)
Adeus ti, Ponte Nafonso. (Un problema estrutural)

A cita anterior fai referencia a un impactante suceso que abría o mes de xuño: o día 7 derrubábase parte do viaduto que une Galiza con León na Autovía do Noroeste (A-6), ao que seguiría un segundo derrubamento poucos días despois. O feito de atoparse en obras, e ser desde logo un caso excepcional, non pode contradicir esa máxima da enxeñaría civil. A ponte non tiña nin trinta anos, que son precisamente os que lle levara, segundo a copla popular, ao construtor da Ponte Nafonso rematar o seu prodixio, en época pretérita na que a carestía técnica era compensada cunha maior sabedoría construtiva.

Na desembocadura do Tambre leva esa ponte aguantando o peso dos séculos, mais talvez non dea aguantado o peso da chapuza que ten que soportar desde que algún iluminado decidiu (improvisou) a instalación do peitoril pétreo. Vaia xeito de lle poñer o ramo a unha desfeita que está a ser denunciada desde hai meses, sen que nada reverta!; máis ben ao contrario, cada paso dado na execución é un novo salto mortal. A opinión crítica foi liderada politicamente polo BNG, que reiteradamente mantiña dúas reivindicacións: a retirada das canalizacións de Telefónica da ponte (supostamente a orixe de todo o problema: o seu encaixe faría necesaria a elevación do pavimento, impedindo a integración estética da varanda metálica que estaba proxectada) e a restauración do antigo peitoril de pedra. Ultimamente o descontento veciñal ("esta non é a nosa ponte", escóitaselle á xente con tristura) tamén se reproduciu nas redes, nomeadamente desde a aparición dunha moi activa páxina en Facebook: Salvemos PonteNafonso, que promoveu un manifesto e unha recollida de sinaturas e foi publicando numerosas fotos e comentarios onde se documenta perfectamente este proceso de estrago do patrimonio histórico, no que se mesturan erradas decisións políticas con malas praxes construtivas.

Porén, aínda a risco de ser politicamente incorrecto, direi que se está a poñer demasiado o foco en cuestións estéticas e moi pouco no, para min, principal problema: a estrutura. A recuperación do peitoril, devolvéndolle á ponte o aspecto orixinal, era unha quimera. E a súa reivindicación, unha torpeza coa que agora temos que apandar (habendo como aínda hai no país ferreiros de arte que poderían realizar unhas varandas ben xeitosas). A construción xa nin é a existente no século XIX. O ancheamento, sobre todo a principios do XX, modificou substancialmente a estrutura. Ben se ve no triple beiril, que nalgún tramo ten uns 60 cm de ancho (a cada lado). Talvez as propias lousas do vello peitoril fosen empregadas para esta acción. Para resistir o peso gañado sen renunciar á anchura cumprían as varandas metálicas. Agora este beiril (e non o firme dos tallamares e dos arcos) soporta en aire o sobrepeso desmesurado do novo peitoril (tamén ancho de máis), que vén sumarse ao peso do empedrado (posto de calquera xeito) e mais do recheo de formigón (aínda sendo unha solución controvertíbel e un ataque ao elemento histórico, ten a vantaxe de colaborar á estabilidade da construción). Lembrarán os lectores que xa hai moitos anos se viña alertando das deficiencias adquiridas na estrutura da Ponte Nafonso, que facían imprescindíbel a retirada do tráfico rodado, polo menos do de maior tamaño, como así se fixo. No entanto, puiden ver con asombro como ao inicio destas obras opinaba un douto enxeñeiro que a ponte non tiña ningún problema estrutural.

Será por iso que a ningún técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade (pois na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural andarán a outras cousas) cause alarma o incremento, nunha infraestrutura tan delicada, dunhas tres toneladas de peso por cada metro liñal: o equivalente a unha procesión perpetua de autocares repletos enriba da ponte. Deste xeito o perigo de derrubamento é máis ca unha posibilidade.

Agora xa sabemos quen a acabará, ou máis ben quen acabará con ela. A única solución é a retirada do peitoril de pedra.

  • Ramón Blanco Fdez. (Outes, 1979). Poeta galego e mestre en Muros, tras pasar por centros de ensino de Muxía, Malpica, Ponteceso e Carballo. Autor do blog A outra banda.

comentarios