sábado. 22.03.2025
El tiempo

Os Bombeiros do GES de Muros denuncian os reiterados incumprimentos laborais do Concello

GES dos Muros-Bombeiros
Un Bombeiro do GES dos Muros que se trasladou a Valencia a axudar coa Dana
Os Bombeiros do GES de Muros denuncian os reiterados incumprimentos laborais do Concello

Continúan os problemas laborais, dende hai anos, no seo do GES de Muros. Un servizo comarcal, básico e esixente, que depende dun concello, con todos os problemas que iso repercute.

Os profesionais levan anos, e varios gobernos, esixindo o recoñemento como Bombeiros, aínda que levan anos sen poder imprimir esa palabra nin na roupa profesional.

O conflito está nun punto importante unha vez que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emitiu unha sentenza a unha denuncia dun profesional do GES que ten agora 60 anos (denunciou aos 65), que o equipara cos Bombeiros, e que lle permitiría acceder a unha segunda actividade, é dicir, o dereito a pasar a un traballo administrativo, non físico.
Unha sentenza, emitida en 2021 e xa firme dende o pasado setembro de 2024, que debería repercutir no resto de compañeiros cando superen os 55 anos ou se teñen algunha discapacidade, ofrecéndolles ese dereito á segunda actividade como xa teñen recoñecido efectivos da Policía Local, Bombeiros ou o Servizo de Recollida de Lixo.

Así nolo explica o Delegado da Seccion sindical da CNT (o sindicato maioritario), Francisco de Borja Caamaño Lesto, que pide ademais que o Concello complemente as baixas laborais ate o 100%, ou que cumpla cos pluses cando un compañeiro exerce de xefe de grupo se o titular caixa baixa.
Lamentan ter que estar recurrindo aos tribunais constantemente para solventar dereitos que deberían ter garantidos.

Ademais, critican “o abandono do servizo en canto á prevención de riscos laborais, xa que aos traballadores do GES non se lles facilitou en ningún momento a avaliación de riscos nin os procedementos de traballo seguro nin se nomearon recursos preventivos”.

Os membros do GES, por outro lado, xa presentaron reclamacións ao borrador da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) porque lles obrigarían a realizar “limpezas e mantemento de cunetas, sumidoiros de augas pluviais, obras e arranxo de fugas de auga, limpeza e broces de beirarrúas, ogrexas, cemiterios… e recollida de lixo”.

Con todo, ao final a perxudicada é a veciñanza, que piden seguridade laboral para que os profesionais poidan “desenvolver con eficacia e seguridade as labores das emerxencias na comarca, garantindo que a veciñanza poida contar co servizo público e de cualidade ao que ten dereito”.

Máis novas

Comentarios