Unha BTT para descubrir o Camiño Xacobeo da Ría de Muros

A Asociación Socio cultural Auga e Sal organizou o pasado sábado a I BTT Camiño de Santiago pola Ria de Muros-Noia co fin de promocionar a cultura, o deporte e o Camiño pola Ria de Muros-Noia cara á tumba do Apóstolo Santiago no marco do Ano Santo 2021-2022.
Na marcha participaron un total de 99 ciclistas, 3 mulleres e 96 homes da comarca e fóra dela, que percorreron o trazado do camiño dende primeiras horas da mañá, para chegar á sua meta na praza do Obradoiro sobre as 19:00hrs.
Ás 8:00h do día 4 estaba todo preparado para a saída programada da I BTT Camiño de Santiago pola Ría de Muros e Noia. Unha marcha de 99 ciclistas que, baixo o lema “O primero de moitos camiños”, pedalearon cun fin claro: dar visibilidade a esta ruta de peregrinación que nace no Mar, recoñecida pola catedral de Santiago en Decembro do 2020.
Os preparativos comenzaran un pouco antes, ao redor das 6:30h. Os membros da Asociación Socio Cultural Auga e Sal, cun grupo de voluntarios e colaboradores xa estaban no parking da Marina de Muros, onde ao pouco, no punto de control, se aplicaría o protocolo covid: antíxenos negativo, declaración responsable, toma de temperatura, entrega de distintivos…
Un minuto de silencio, foi o momento previo ao corte da cinta. Ramón Seoane non puido cruzar a liña pero acompañou aos participantes desde o minuto 1. Os distintivos falaban del ao longo de todo o percorrido.
A parada no santuario da Virxe do Camiño aos poucos minutos era indispensable. O templo, que toma o nome do propio camiño que facían os peregrinos chegados por mar desde a Idade Media, foi o marco perfecto de saída, que completaba o gran templo de chegada: a Catedral de Santiago.
A partir de aquí, a marcha pura e dura: kilómetros de paisaxe incomparable na máis virxe das Rías Baixas, alternando mar, campo e montaña.
Entre as anécdotas da xornada, cabe destacar a inesperada participación de Linda, una cadeliña que desde Solleiros, (Esteiro), se uniu ao grupo e seguía a roda dos ciclistas sen descanso. Pasados os minutos iniciais, a organización empezou a preocuparse por ela e, en Ponte Nafonso, dado que se negaba a beber, os voluntarios fixéronse cargo dela, subírona a unha das furgonetas da organización, e lanzaron un chamamento a través das redes sociais que non tardou en dar froito. Os donos recollérona na entrada da carballeira de San Lourenzo, en Santiago. Máis cómoda que os ciclistas, Linda, chegou a Compostela!
A 1ª etapa é dura, pero a motivación gaña a batalla dos chans irregulares e das subidas de monte. Más adiante suavízase, e o concello de Outes, concello de ríos e pontes, da un respiro para prepararnos para outra importante subida despois de Noia. Tamén é certo que unha vez coroado San Xusto, o camiño faise máis amable e a chegada a Santiago é un inmenso mar de satisfacción.
Os avituallamentos no Tapal xunto á espléndida San Martin, e en Urdilde, onde os veciños acariñaron a marcha, foron un pulmón para os ciclistas que sabían que non ían competir, senón mostrar este incrible camiño ao mundo enteiro.
A chegada do grupo á praza do Obradoiro, cara ás 19:00hrs e a visita a tumba do Apóstolo puxeron punto final a unha xornada na que o deporte e a cultura se uniron a través dos 9 concellos que integran Camiño pola Ría de Muros e Noia: Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brion, Ames e Santiago.
Novas relacionadas
- Maio 2021: A Ruta Xacobea Ría de Muros-Noia, única presenza da zona na FITUR.
- O Camiño da Ría de Muros-Noia busca apoios na administracións tras ser declarada “Ruta Xacobea” .
- Agosto 20: A Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia constitúese para oficializar a ruta xacobea
- Xullo 2020: O Camiño da Ría de Muros e Noia, máis preto de converterse en ruta de peregrinación oficial.
- Xullo 2020: Camariñas estudia a nova vía Xacobea do Camiño da Resurrección.
- Febreiro 2020: A Asociación de Amigos do Camiño pola ría de Muros e Noia segue andando para institucionalizar a ruta Xacobea.
- 2016: Muros recupera o Camiño dende o Arciprestado de Entíns a Compostela.
- 2015: Muros xa saúda con "Bo Camiño”.