Luns. 27.09.2021
El tiempo

A Comunidade de Montes de Esteiro dá outra vida ao seu monte

Monte vecinal de Esteiro
Unha das primeiras accións será a plantación comunal do monte da Laxe
A Comunidade de Montes de Esteiro dá outra vida ao seu monte

Completa estratexia ten a nova directiva, dende xuño, da Comunidade de Montes de Esteiro para recuperar espazos naturais. “Nestes tempos que nos toca vivir, ir ao monte é unha alegría”, recoñece Rosario, pensando no bonita que vai quedar a área de lecer e o bosque de frondosas que a Comunidade vai facer crear no Monte Veciñal da Laxe.

De feito, a Comunidade convoca a toda a veciñanza que queira participar para este sábado 27 de xaneiro, ás 9:00h, a axudar a facer unha plantación de árbores autóctonas, ao tempo que intentan recuperar a carballeira existente algo máis abaixo. Todo, a carón da subestación dos eólicos, un xigante xa imposible de vencer.

Nesa zona a Comunidade ten 2 hectáreas de monte que estaban algo esquecidas. “O ano pasado, co cambio de directiva propuxémonos facer un bosque vivo, unha área de lecer, darlle vida e que a xente poida disfrutalo”, explica Rosario. O primeiro, cumplindo a lei que non permite que haia eucaliptos nin piñeiros a menos de 6 metros das pistas principais, fixeron unha tala, e agora xa teñen a zona lista para realizar a plantación mixta, con especies autóctonas como nogueiras, castiñeiros e cerdeiras.

Ademais “hai tamén unha carballeira pequena enriba da aldea da Laxe, que imos a arranxar, imos rareala, para desenvolver un proxecto de aproveitamento da leña para facer un parque micolóxico, no que imos xa están microrrizando distintas especies de setas comestibles, como shitake ou pleurotus ostreatus", explica Xeromo, presidente da Comunidade. “É unha zona na que hai bastante níscalo tamén, polo que é un sitio ideal para devolverllo á veciñanza”, explica

O proxecto é aínda máis ambicioso. Teñen pensado facer unha ruta de bicicletas tamén, nunha zona na que hai ademais 6 cabalos de pura raza ceibes, que tamén coida unha pequena explotación de cachenas, da que falaremos outro día.

Pero ademais, a idea de facer este “Monte Protector e Monte Recreativo” complétase cun Parque Botánico. “Temos unha entrecolla na que queremos facer un parque botánico. Estamos traballando cun viveiro, e temos xa 15-20 especies que imos empezar a plantar arriba. A idea é facelo coa colaboración do Distrito Forestal e cos [email protected], pero cando o tiñamos todo preparado xusto comezou o confinamento. Intentaremos recuperar o proxecto a nivel educativo”, explica.

“Pódese conseguir un monte ben fermoso, teño moita fe”, conclúe un orgulloso Xeromo, que se ben ao comezo meteuse algo obrigado, agora está implicadísimo na tarefa.

Novas relacionadas

comentarios