Descobren o petróglifo Alto da Boca dos Curros, un novo tesouro da arte rupestre muradá

Xa en 2018, Avelino Formoso Romero, descubrira uns interesantes petroglifos nos montes de Muros, alertando de que o seu abandono podería ameazar a súa riqueza patrimonial.
Pero o afán de Avi por descubrir o noso pasado non mingua, e leva moitos anos percorrendo os montes muradáns. Desta volta, xunto con Julio César Ares Oitaben, e a colaboración de Alex Negreira, veñen de descubrir un novo acádego.
Na zona do Alto da Boca Dos Curros de Muros, entre a maleza e nunha visita á zona, descubriron “un novo petróglifo que está dividido en varias partes e en diferentes rochas, unidas entre si. Consta dunha gran forma labrada e coviñas así como círculos concéntricos. Hai unha parte que se ve moi desgastada pola erosión e outras que se ven perfectamente”. Con este petróglifo amplíase a longa lista de petróglifos de Muros.
Bo mérito o destes muradáns que realizan este “esforzo persoal para que non caia no esquecemento o patrimonnio”, “co afán de rexistrar e localizar en bo estado a lista de petróglifos de Muros, dedicámonos a buscar e dar a coñecer os petróglifos que xa existen, explican.
