Mércores. 09.10.2024
El tiempo

Tesouros de Berdoias (XXVI): Prehistoria. Os Petroglifos

Continuamos da man da “Asociación Parroquial de Berdoias“ e do Seminario de Estudos Comarcais (SEMESCOM), recuperando o rico e variado patrimonio que atesouran os lugares da parroquia vimiancesa de Berdoias.
Calco.Estación do Outeiro do Recosto, en Boallo
Calco da Estación do Outeiro do Recosto, en Boallo
Tesouros de Berdoias (XXVI): Prehistoria. Os Petroglifos

MOSTRA DO PATRIMONIO MATERIAL DA PARROQUIA DE BERDOIAS (XXVI):
PREHISTORIA: PETRÓGLIFOS DA PARROQUIA DE BERDOIAS

Os petróglifos son eses gravados nas rochas, a maioría de máis de 4000 anos de antigüidade, que forman parte das xoias patrimoniais enigmáticas, e das que, en moitos casos, aínda hoxe se nos fai difícil descifrar o seu fondo significado.

Téñense atopado na parroquia, até o de agora, dúas estacións de petróglifos nun monte de Boallo, e outras dúas estacións nun monte de Berdoias, e que tratándose de localizacións en zonas extractivas de pedra é moi posible que outras xoias deste tipo rematasen destruídas.

A descuberta das estacións de Boallo e das de Berdoias ocurriron dun xeito moi similar:
Polo 1997 un cazador veciño, Manuel Soto Caamaño, localizaba no Outeiro do Recosto, en Boallo, unha estación de petrógifos.
Pouco tempo despois, moi pretiño, Roberto Mouzo, un dos nosos mellores estudosos e divulgadores do Patrimonio comarcal, localizaba unha segunda estación, chamada a da Pedra Mosqueira.

 1997, Nos petróglifos de Boallo con Manuel Soto e con Roberto Mouzo ( foto da Voz de Galicia)
1997, Nos petróglifos de Boallo con Manuel Soto e con Roberto Mouzo (Foto da Voz)

No  2003, un grupo de cazadores da parroquia, Adrián Valiña, Luís Valiña, e Manuel Vieitez, localizan no monte do Pedrouzo unha estación de petróglifos (Pedrouzo 1).
E tamén pouco tempo máis tarde  é o mesmo Roberto Mouzo o que descobre moi pretiño, unha segunda estación (Pedrouzo 2).

Cos cazadores que decubriron os petróglifos de Pedrouzo   1 ( foto La Voz de Galicia)
Ano 2003, cos cazadores que descubriron Pedrouzo 1 (Foto de La Voz de Galicia)

PETRÓGLIFOS DE BOALLO:

 - A estación do Outeiro do Recosto:
Nun panel de pouco máis dun metro cadrado está esta estación composta por uns gravados de carácter xeométrico: 9 combinacións de círculos concéntricos, de diferentes dimensións e número de aneis, e con coviña central. A pesar dos seus 4.500 anos de antigüidade o seu estado de conservación é bastante bo. Nun extremo do rocha, distínguense tamén un conxunto de 15 coviñas

Estación de petróglifos do Outeiro do Recosto, en Boallo.
 Estación de Outeiro do Recosto en Boallo

Calco.Estación do Outeiro do Recosto, en Boallo
Calco. Estación do Outeiro do Recosto, en Boallo

- A estación de Pedra Mosqueira:
Composta dunha combinación circular de tres aneis e coviña central, en bastante mal estado de conservación.


Calco de Pedra Mosqueira (do C.A Rula e de Árbore Arqueoloxía e Restauración)

PETRÓGLIFOS DE BERDOIAS:

- Estación de Pedrouzo 1:

Os traballos de fotogrametría permitiron localizar novos gravados nesta ampla laxe granítica, distribuidos en 4 paneis, e nos que se distinguen  múltiples deseños de tipo xeométrico: un mínimo dunhas 9 combinacións circulares, de diferentes dimensións e número de aneis, e con coviña central.
Igualmente hai coviñas e cazoletas de diferentes tamaños

Petroglifos do Pedrouzo

Calco dos 4 paneis de petróglifos, de Pedrouzo 1
Calco dos 4 paneis de Pedrouzo  1 (do C. A Rula e de Árbore Arqueol. e Restaurac.)


- Estación de Pedrouzo 2:
Nun único panel presenta, como a primeira estación, gravados de carácter xeométrico e de temática abstracta, pero ten como diferencia a morfoloxía dos sucos ( algúns, máis anchos e fondos ) e diferente tipoloxía de motivos representados, uns a carón dos outros, o que nos fala de gravados pertencentes a diferentes períodos:

 Do prehistórico:
-  Ata nove combinacións circulares, de diferentes diámetros e número de aneis e coviña central.Dúas destas combinacións teñen acaroadas formas rectagulares , e outra ten acaroado tamén un deseño ovalado dividido en pequenos cadrados.
      -  dous aneis en forma de 8, unha pequena cruz sobre un círculo...
      
Do histórico:    
- cruces simples, cruces con pés circulares , cruces dobres con brazos rematados en círculos...etc

Vista xeral da estación de Pedrouzo 2,  en Berdoias
  Estación de petróglifos de Pedrouzo 2

Calco dos ptetróglifos de Pedrouzo 2
Calco dos petróglifos de Pedrouzo 2 (do C. A Rula e de Árbore Arqueol. e Restaurac.)

Detalle de petróglifos de Pedrouzo 2, en Berdoias -
Detalle de Pedrouzo 2, petróglifos prehistóricos e históricos

O colectivo A RULA, adicado á descuberta, investigación e divulgación, entre outras, de manifestacións artísticas tan singulares como son os gravados rupestres, fixo un excelente traballo de investigación dos petróglifos da parroquia de Berdoias.
Coa elaboración de fotogrametría en 3D permitíu precisar unha mellor descrición destes gravados, e coas súas fermosas xeiras nocturnas feitas en agosto do 2017 e en xullo do 2018, contribuíu dun xeito decisivo ó seu mellor coñecemento e divulgación.

* (A información deste texto e case todas as fotos proceden: da publicación da Rula “Na espiral dos círculos concéntricos” (2019) no que se lle adican os capítulos 11 e 12 ós petróglifos da parroquia de Berdoias.)
 

TESOUROS DE BERDOIAS

Comentarios