mércores. 10.12.2025
El tiempo

"A día de hoxe, case o 100% das familias de Esteiro enterran ás súas persoas falecidas en galego"

  • Do 2000 ao 2025, as lápidas en galego do Cemiterio de Esteiro pasaron de ser o 5% a ser o 40%, un progreso nunca visto e que marca un fito en Galicia.

 
Lapida en galego do Cemiterio de Esteiro-Foto-Lia Agra
Lápida en galego do Cemiterio de Esteiro-Foto-Lía Agra
"A día de hoxe, case o 100% das familias de Esteiro enterran ás súas persoas falecidas en galego"

Xa temos falado en QPC sobre como o galego resucita no camposanto da man do proxecto “Palabra e Memoria" ou “Modelo Burela”, impulsado dende varias entidades e moitas colaboradoras do país. Unha iniciativa que recolle en que lingua enterramos aos nosos mortos.

Temos estado con Mariluz Barreiro polo Cemiterio de San Mamede de Carnota, e hoxe acompañamos a Lía Agra ata o camposanto de Esteiro, en Muros, para ver un exemplo de como a lingua galega medra no cemiterio mentres decae no seo da sociedade.

Porque o camposanto esteirán é un dos exemplos máis impresionantes en todo o país en canto ao aumento do uso da lingua galega nas últimas décadas nas despedidas. Do 2000 ao 2025, as lápidas en galego pasaron de ser o 5% a ser o 40%, un progreso nunca visto e que marca un fito en Galicia. O proceso iniciouse en 1988 e non avanzou até 1991 e 1997. Durante os 12 anos finais do século XX foi acompañado unicamente por media ducia de familias. No século XXI marca o modelo a seguir.
O máis importante é que a día de hoxe case o 100% das familias de Esteiro manteñen a estabilidade no noso idioma á hora de poñer por escrito as palabras de recordo ás persoas falecidas.

Lapida en galego de 2005 do Cemiterio de Esteiro-Foto-Lia Agra
Lápida en galego de 2005 do Cemiterio de Esteiro-Foto-Lía Agra

Unha veciña “investigadora”

Quen nolo conta é unha veciña, Lía Agra (Esteiro, 1998), especializada en Saúde Ambiental e Emerxencias Sanitarias, que desde 2022 traballa no Servizo de Urxencias de Galicia- 061. Interesada desde ben nova pola situación da lingua e a cultura galegas, esta afeccionada ao cinema, a escritura e a música armouse de papel, bolígrafo e teléfono para visitar o camposanto.

“Puxéronse en contacto do proxecto Palabra e Memoria. Era o día do meu aniversario, non tiña nada que facer, e fun coa miña nai. Imprimín unha táboa e fumos apuntando as lápidas que había en castelán e en galego, coa sorpresa de que había un montón”, relata. Aínda que en realidade, “eu pensaba que ía haber moitas máis lápidas en galego, xa que como sempre falamos en galego, pensei que a xente tamén despedía aos seus na súa lingua. Así que ao final levei doble sorpresa”, relata.

Ela xa deu pistas de cales puideron ser as causas. “Eu dende o meu punto de vista, imaxinei que tiña que ser cousa do marmorista, que se el preguntaba polo idioma, seguro que había un cambio moi grande. Porque non creo que antes fose unha decisión moi consciente, era o que se facía e non se reflexionaba. E a xente agora ve que se pode facer outra forma. E ademais xa non vai estar o cura agora dicindo que non poñamos en galego…”, lanza con retranca.

O marmorista, o motor do cambio

Así que lanzamos a pregunta a Juan Manuel Martínez Cernadas, fillo de Manuel Martínez Creo, que en 1982 fundaba Mármores e Granitos Esteiro. “Eu, dende que empecei sempre preguntei, vin unha cousa lóxica. Xa me parece absurdo que isto sexa noticia, a verdade, nun lugar onde o 80%-90% da xente fala galego, o máis normal é que a xente despida aos seus na súa lingua, digo eu. O día que non sexa noticia será que avanzamos algo”, reflexiona este amante de descubrir a nosa historia a través dos camposantos. “Son a historia dun pobo”, relata destacando que teñen feito lápidas en euskera, en inglés, francés… de xente que viviu fóra e agroa tamén se despide coa súa lingua adoptiva.

Parecería normal, pero nun país onde os principais medios de comunicación son na segunda lingua, pasan estas cousas. Para Juan Manuel, como para o seu pai, o normal era o contrario, e ve o proceso natural. “Foi unha cousa natural para nós, e a xente tamén o ve como algo natural, non identifican coa política nin nada”, sinala.

Cómpre destacar tamén o papel das funerarias e dos propios marmoristas. “Aquí aínda temos moita forza o marmolista, aínda que estamos perdendo forza por mor desas funerarias que xa se encargar elas de todo. Por agora aínda é moi persoal, a xente sempre vén a persoa”.

O catálogo en galego

Unha mostra do Catalogo do marmorista
Unha mostra do catálogo do marmorista

Outro dos culpables deste aumento da lingua nos camposantos, ademais do mestre Xosé Agrelo, moi venerado na zona, é Manolo, agora xubilado, pero que tivo dende o 1997 e ata o ano pasado unha máquina de gravación para os marmolistas. Manolo tiña, dende sempre, o catálogo en galego, un pequeno detalle que se convertiu en fundamental. Lembra de feito, que no ano 2000 a Xunta deu unhas axudas para poñer o catálogo en galego, pero como xa o tiñan feito, acabou por perder esa axuda.

”O catálogo que tiñamos era sempre en galego, pero a xente quería máis en castelán, case por costume. Pouquiño a pouco, como as mostras estaban e galego e como foron vendo unha, outra, outra… moitas máis lápidas en galego, a cousa vai cambiando e cada vez máis a xente pide en galego”.

Unha demostración da importancia dos pequenos detalles para cambiar rutinas de autoxenreira.

Máis novas

Comentarios