mércores. 12.02.2025
El tiempo

O galego resucita no camposanto

Lousa en galego no Cemiterio de San Mamede de Carnota. Fotos de Mariluz Barreiro
Lousa en galego no Cemiterio de San Mamede de Carnota. Fotos de Mariluz Barreiro
O galego resucita no camposanto

Non é doado nestes tempos atopar novas esperanzadoras arredor da nosa lingua. Pero curiosamente temos un nos camposantos.

Nos últimos anos, a través do traballo colaborativo da comunidade educativa, estáse realizando un completo estudo da presenza da lingua galega nos cemiterios do país. A iniciativa de intervención educativa “Palabra e Memoria" ou “Modelo Burela”, divulgada polo xornalista chairego David Canto Veiga, estuda o patrimonio documental dos cemiterios galegos, e trata de sensibilizar á á poboación da falta de uso do galego nos camposantos.
O modelo vaise estendendo por todo o país a base de colaboracións como a que realizou o alumno do IES Agra Raíces, Alex Quintáns en 2020, ou o que está desenvolvendo a profesora Mariluz Barreiro, do IES Lamas de Castelo, neste curso 2024-2025.

Un estudo que ademais ofrece unha mensaxe de esperanza, pois as análises reflicten un significativo aumento do uso do galego dende comezos do século XXI. “Nos camposantos atópanse algunha en galego dende os anos 70-80, pero son moito máis frecuentes a partir dos 2000”, explica Barreiro, despois de analizar xunta cunha compañeira e un par de veciñas, 2251 panteóns e sepulturas nas parroquias de Lira, Sanmede de Carnota e o Pindo.

”Alguén dá o primeiro paso, aparece a primeira lápida e vaise estendendo o modelo”, explica con esperanza a mestra natural de Vila de Cruces, tentando buscar ademais grupos de voluntari@s que se animen a debullar a iniciativa polas súas parroquias. “Hai esperanza, totalmente”, conclúe Barreiro.

Barreiro destaca o traballazo “conciencudo e meticuloso” feito por Quintáns hai 5 anos, durante o desconfinamento e despois dunha visita do ínclito e polifacético profesor Alberto Pombo, cando apenas tiña 12 anos. Segundo se desprendía do traballo de campo que o mozo realizou nos concellos de Carnota, Cee, Corcubión e Fisterra; e en diferentes parroquias de Muxía, Vimianzo, Dumbría, Outes e Muros, o incremento no uso da lingua galega nas inscricións funerarias experimentaba un importante incremento con respecto aos anos anteriores.

Cemiterio do Pindo copia
Cemiterio do Pindo

Os datos

A actualización do traballo de campo de Quintáns, centrado neste caso nos camposantos carnotáns (quedan pendentes analizar os de Santa Columba de Lariño e o de Carnota), permitiu analizar pormenorizadamente os datos:
No campo-santo da parroquia de Lira visualizaron as inscricións realizadas por 536 familias e descubriu que só no cemiterio novo 82 familias (dun total de 416) deron o paso de escribir en galego o derradeiro recordo para as persoas falecidas (o que representa un 20%, porcentaxe semellante á observada en Rianxo).
Pola súa parte, no Pindo a porcentaxe é lixeiramente menor: tamén no cemiterio novo alcanza o 10%, con 30 familias de 288. En San Mamede de Carnota os resultados son un pouco superiores aos do Pindo: sobre un total de 651 familias, 76 mantiveron a estabilidade na lingua galega, un 13’7% nas edificacións máis recentes.

Tras comparar os datos de Quintáns cos da súa equipa nos cemiterios carnotáns, Barreiro conclúe que mesmo hai un “incremento da presenza de galego nestes 4 anos dende que Quintáns fixo a súa conta”.

Placa en Galego no Cemiterio de Santa María de Lira 3 copia
Lousa en Galego no Cemiterio de Santa María de Lira

O relevo xeracional, chave

Así, Barreiro conclúe que “o distanciamento entre as expresións oral e escrita redúcese e a porcentaxe de inscricións funerarias en que aparecen as palabras "muller", "home", "fillos" ou "netos" ten tendencia emerxente, moi especialmente nestes anos que levamos do século XXI”. Este incremento local confirma a tendencia que se desprende do estudo realizado por David Canto: “o cambio de tendencia produciuse nestes últimos anos e débese ao relevo xeracional: as primeiras persoas alfabetizadas en galego nos primeiros anos da etapa democrática pasan agora a ocuparse do coidado do lugar en que repousan definitivamente os seus parentes”.

A importancia das Funerarias

Outra das chaves importantes para Barreiro é a concienciación das funerarias, que deben ofrecer poñer as mensaxes en galego. “Se non se ofrece en galego, moitas veces vai en castelán só por inercia”.

Pon exemplos ademais de como están evolucionando os cemiterios. “Vimos un panteón no que todas as placas estaban en castelán, pero as coroas dun falecido recente estaban en galego, polo que esperamos que cando poñan a lápida, sexa xa en galego”.

Igualmente recoñecen ter visto cada vez máis nome das propiedades dos panteóns en galego, a raíz das últimas renovacións, dando conta deste modelo normalizador que nace da morte.

O mapa

Mapa Cartografía do uso do galego nos camposantos

Desde o pasado mes de outubro os datos dos diferentes concellos galegos están publicados nun mapa presentado no Consello da Cultura Galega: a "Cartografía do uso do galego nos camposantos”, que contén información sobre cemiterios de 60 concellos e que está aberto á colaboración cidadá nas 3771 parroquias de Galicia.

Os datos vanse envorcando pouco a pouco, pois todo é gracias a un traballo voluntario.

Placa en Galego no Cemiterio de Santa María de Lira 3 copia
Lápida en Galego no Cemiterio de Santa María de Lira

Máis novas

Comentarios