![Paraiso Eroski basease na memoria colectiva de Muros]()
Eroski Paraíso basease na memoria colectiva de Muros
Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Cristina Iglesias e Luís Martínez será os protagonistas do filme
"Eroski Paraíso" que se está gravando estes días no auditorio Constante Liste da Ramallosa, de Teo. Baixo a dirección de Jorge Coira, e coa colaboración entre dúas produtoras culturais independentes: Chévere e OlloVivo
Eroski Paraíso é un dos espectáculos máis exitosos de Chévere, así como un dos máis queridos polo público, e que
xa percorreu varios escenarios da Costa da Morte.
Estreado en Muros en 2016, conta a historia de Álex, unha rapaza que estuda cine en Barcelona e quere facer a súa primeira película documental sobre o día no que se coñeceron seus pais na sala de festas " O Paraíso"de Muros en 1990, xusto antes de que pechara.
Unha historia que ten que ver co desarraigo da xeración dos seus pais e coa vontade da rapaza de recuperar as súas raíces para descubrir o seu lugar no mundo. Unha obra que explora o tratamento da realidade no cine e no teatro e as fronteiras entre o real e o representado, entre a ficción e o documental. Unha peza que reflexiona sobre a transformación da sociedade desde os anos 80 ata a actualidade, representada na metáfora da sala de festas reconvertida en supermercado.
O director Jorge Coira recolle agora - máis de dous anos despois da estrea do espectáculo - o testigo de pasar á linguaxe do cine a historia que contamos sobre o escenario. Este proxecto afastarase do teatro filmado para ofrecer unha nova lectura do espectáculo teatral de Chévere mediante a súa tradución ao medio cinematográfico.
Xira de despedida
Dende a súa estrea hai xa máis de dous anos, o espectáculo Eroski Paraíso foi visto por máis de 24.000 persoas en 60 localidades de 11 comunidades autónomas. Entre os meses de outubro de 2018 e xaneiro de 2019, e antes de que a obra deixe de representarse para sempre, emprenderase unha xira de despedida que incluirá varias vilas e cidades galegas - A Coruña, Vigo, Pontevedra, Gondomar e Teo -, e tamén cidades doutras comunidades como Oviedo, Santa Fe (Granada), San Fernando de Henares (Madrid) e Benavente. Ademais, no mes de novembro, Eroski Paraíso
poderase ver en París, dentro do festival Don Quijote. Recentemente, a editorial Kalandraka publicou o texto desta obra dentro da súa colección Biblioteca de Teatro.
Na producción deste filme, colaboran empresas como Vegalsa-Eroski e Deleite.
Novas relacionadas
https://quepasanacosta.gal/a-obra-de-teatro-eroski-paraiso-percorre-a-costa-da-morte/
https://quepasanacosta.gal/chevere-estrea-en-muros-a-sua-nova-obra-de-teatro-eroski-paraiso/
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Grupo Chévere